‘A consulta da bruxa Maruxa’ abre consulta nos Venres Rebuldeiros do Rosal
• A biblioteca municipal acolle este venres 20 ás 18 h unha nova sesión de contacontos da man de EucREativa
Infogauda/O Rosal
Non todas as bruxas preparan apócemas nin voan en vasoira: algunhas abren consulta para receitar contos, risas e grandes doses de imaxinación. Este venres 20 de novembro a biblioteca municipal do Rosal converterase nun espazo cheo de fantasía coa chegada de ‘A consulta da bruxa Maruxa’, unha nova proposta dos Venres Rebuldeiros que convidará á cativada a descubrir o poder das historias.
A actividade, que comezará ás 18.00 horas, estará conducida por EucREativa, que achegará ás familias unha sesión de contacontos protagonizada por unha bruxa moi particular. Un encontro no que a narración oral e a imaxinación serán as grandes protagonistas, abrindo as portas a un universo no que as palabras poden converterse en aventuras e os libros agochan infinitas posibilidades.
Con esta nova cita, o Concello do Rosal continúa dando vida aos Venres Rebuldeiros, unha iniciativa que transforma a biblioteca nun espazo de encontro, aprendizaxe e diversión arredor da literatura infantil. A programación busca espertar o interese pola lectura desde as primeiras idades, ao tempo que ofrece ás familias unha alternativa de lecer cultural para compartir e gozar en comunidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario