Pequenos praceres e mil razóns para vivir, sobre o escenario no Rosal
• Empatía Teatro chegará este domingo 15 ás 19 h ao auditorio municipal con ‘Esas cousas marabillosas’, unha obra que combina humor e emoción para falar de saúde mental
Infogauda/O Rosal
Un xeado, unha guerra de auga, o primeiro baño do verán ou a cor azul, pequenos praceres cotiáns que poden converterse en grandes motivos para seguir adiante. Con esta idea, o teatro regresa este domingo 15 de novembro ao Rosal da man de Empatía Teatro e a súa obra ‘Esas cousas marabillosas’, unha proposta que mestura humor, tenrura e emoción para abordar a saúde mental. A cita será ás 19.00 horas no auditorio municipal, con entrada de balde, dentro do programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra.
Protagonizada por Elisardo de la Cruz e baixo a dirección de Avelino González, a obra do dramaturgo británico Duncan Macmillan conta a historia dun neno de sete anos que, tras o intento de suicidio da súa nai, decide elaborar unha lista con todas as cousas marabillosas que existen no mundo para axudala a atopar motivos para ser feliz. Unha lista que comeza cos pequenos praceres da infancia e que o acompañará durante case tres décadas mentres medra, descobre o amor e aprende a afrontar as dificultades da vida.
‘Esas cousas marabillosas’ comeza antes de que se levante o pano. O actor recibe ás persoas asistentes, conversa con elas e entrégalles pequenos papeis cos que, sen sabelo, pasan a formar parte da historia. A complicidade co público convértese así nun elemento esencial dun espectáculo que consegue falar da depresión e do suicidio desde a proximidade, a sensibilidade e un humor inesperado, sen restar profundidade a cuestións que continúan sendo difíciles de abordar.
Como sinala a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “o teatro ten unha capacidade extraordinaria para achegarnos a realidades que ás veces permanecen agochadas ou das que nos custa falar. Esta obra faino desde a emoción e o humor e ensínanos que a cultura tamén é un espazo para reflexionar, compartir experiencias e abrir conversas necesarias”.
‘Esas cousas marabillosas’ converteuse nun fenómeno teatral internacional tras esgotar as entradas durante tres anos consecutivos no Festival de Edimburgo e chegar posteriormente a escenarios de Londres, Nova York, Bruxelas e outras cidades do mundo. A súa repercusión levou mesmo a HBO a realizar un documental sobre a peza, que xa viron máis de 25.000 espectadores en España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario