17 de nov. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés vai ao parón buscando levar o primeiro Derbi As Nosas da tempada 

• O equipo baixomiñoto visitará este mércores (19.00 horas) ao Porriño buscando saír da súa mala serie na súa derradeira cita antes do parón europeo 

• Prades tratará de volver sumar fóra da casa con 16 xogadoras, esperando á recuperación de Elena Martínez 




Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés quere saír do pozo ao grande. O equipo baixomiñoto espera do Derbi As Nosas que se celebra este mércores no Porriño (19.00 horas) volver sumar dous puntos e saír da seca que o apreme a domicilio dende hai varias xornadas, e á que tivo que engadir a súa primeira derrota como anfitrión o pasado xoves ante o Rocasa. Trátase ademais do derradeiro duelo para as guardesas antes do parón polo campionato Europeo que se estenderá ata finais de decembro, Para pechalo con bo pé, Prades desprazará ás 16 xogadoras, a excepción de Elena Martínez, quen continúa coa súa reincorporación. 

 O Atlético Guardés chega con moito traballo ás costas, dirixido a corrixir os erros responsables dos seus últimos resultados. Despois de caer primeiro en Elda e despois en Málaga, como visitante, o equipo baixomiñoto tivo que soportar outra xerra de auga fría o pasado xoves, cando o vixente campión ligueiro foi capaz de arrebatarlle, por primeira vez, os dous puntos na Sangriña. Con 11 puntos que as colocan sextas na clasificación, as galegas tratarán de sumar este mércores dous máis para seguir a dar a batalla nunha loita pola parte alta que non pode estar máis apertada; aínda que tendo en mente non tanto o seu lugar na táboa coma as súas sensacións sobre a pista. A baixa efectividade foi o seu talón de Aquiles e un detalle crucial para que se producisen estas últimas derrotas, polo que eses son os números aos que de verdade está a mirar o conxunto da Sangriña. 

 A deste mércores é unha ocasión especial por todo o que a rodea: non só o Atlético Guardés chega necesitado de puntos e de recuperar as boas sensacións que impresionaran no inicio ligueiro, senón que é tamén o primeiro Derbi da tempada, con todo o que iso implica. Ademais, trátase do derradeiro partido antes dun parón internacional que se estenderá ata finais de ano –as de Prades retomarán a competición o 29 de decembro visitando ao recentemente ascendido Pozuelo–, polo que pechar esta primeira fase do calendario de xeito positivo pode ser fundamental para a temperatura do equipo. Co obxectivo de orientar todos estes factores cara ao seu favor, José Ignacio Prades poderá contar de novo coas 16 xogadoras agora mesmo dispoñibles, a excepción de posibles dúbidas de última hora; e da baixa de Elena Martínez, quen avanza na súa recuperación trala súa lesión de xeonllo na primeira xornada. 

 Pola súa parte, o rival compatriota chega se cabe aínda máis necesitado de puntos. As de Isma Martínez levan seis xornadas consecutivas sen puntuar, vencendo unicamente a Zonzamas e Morvedre ata agora, dous habituais da parte baixa, e dando a semana pasada a súa primeira vitoria ao colista Pozuelo (22-21). Con catro puntos, o equipo porriñés sitúase undécimo, acusando os efectos das importantes saídas de Caro Bono, Katia Zhukova ou a gardameta Ana Belén Palomino a finais da pasada tempada. 

 Por todo iso, o BM Porriño esperará tirar do factor cancha e da imprevisibilidade dos derbis para pillar desprevido a un Atlético Guardés ao que podería cualificar coma en horas baixas e arrebatarlle outros dous puntos. Ambos galegos xa se mediron este ano, nunha pretempada que os cruzou ata en tres ocasións, que remataron con pleno de vitorias baixomiñotas: no II Memorial Juan Rodríguez (24-21), no III Memorial Julio Gilsanz (20-23) e na Supercopa de Galicia (24-18). 

 Pero moito cambiou dende aquel agosto de novas sensacións para ambos. Este mércores todo é posible, mais se algo está claro é que ambos rivais darano todo para levar o primeiro Derbi As Nosas que conta este ano.    

José Ignacio Prades: “Os derbis sempre son partidos especiais nos que non importa nada do anterior” 

 Para o adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, os derbis “sempre son partidos especiais, nos que non importan nin os puntos, nin os resultados anteriores, nin os enfrontamentos directos, nin moito menos, a clasificación”, coincidindo no impredicible da cita. Ademais, engade outro factor importante: o feito de ser o derradeiro encontro antes dun parón que superará o mes de duración.  

 “Tódolos equipos darán o máximo do que teñan para tentar rematar con boas sensacións e marchar ao descanso cos dous puntos”, explica o técnico, algo que sería “superimportante tanto para nós coma para Porriño”. Por iso, esperan que o seu rival non poña as cousas doadas. “É un partido onde sabemos que todo o mundo vai poñer toda a carne no asador”, o que engade un grao máis de complexidade que se suma á habitual de “todos os que xogamos fóra da casa”. O terceiro factor, volve repetir, é a maxia do Derbi As Nosas, ante un rival que “sempre ten un halo especial cada vez que xoga contra nós”, conclúe.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 2026/2027 | Xornada 10 

Conservas Zendal Orbe BM Porriño – Balonmán Atlético Guardés 

Mércores 18 de novembro | 19.00 horas | Pavillón Municipal do Porriño 

Retransmitido en directo por televisión en Teledeporte e por transmisión en continuo en: 

https://www.rtve.es/play/videos/directo/balonmano-porrino-atletico-guardes-liga-guerreras-iberdrola/ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario