Este sábado foi presentado o número 18 de Nova Ardentía no local do Piueiro na Guarda
Helena Pousa Ortega/A Guarda
Nunha tardiña algo desapracible achegámonos ao local-museu do Piueiro para presentarmos o novo número de Nova Ardentía, o número 18, que seguimos a editar con moito coidado e calidade a pesar de non contar xa coa axuda económica de varias institucións que nos permitían ir capeando o temporal. Non era o mellor día para facelo porque competiamos co acendido das luces en Vigo, aínda así alí estivemos eu mais Emilio Insua (coordinador da revista) xunto con Tito Chirro para explicar ao público os contidos do novo número e falarmos sobre o que foi a pesca na Guarda cando non sacaba a xente da pobreza e da fame, e como despois a maneira de pescar deu unha reviravolta e se fixeron grandes fortunas. Seica se abriron moitas sucursais bancarias, case tantas coma en Silleda, terra rica coa venda do gando.
No acto explicamos como era este novo número dedicado especialmente á nosa compañeira Ivone Baptista, recentemente falecida. Ivone foi unha muller moi coñecida como activista da cultura marítima desde Esposende. Formou parte desde o inicio do comité de redacción da revista, na que escribiu en todos o números artigos dedicados aos barcos do norte de Portugal e á carpintaría de ribeira. A revista perdeu neste ano unha colaboradora especial! Ela foi unha das artífices de ancorar en Viana o barco hospital Gil Eannes para expor ao turistas a dura historia da pesca do bacallau.
Neste novo número poden encontrar artigos sobre as actividades realizadas durante o ano 2025 pola Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial, coñecida como Culturmar, da que xa forman parte 45 asociacións, entre as que está a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro da Guarda. Un resumo do que foi o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais en Ribeira (2025) e como xa están a preparar o próximo en Ribadeo.
E, ao igual ca en todos os números, van encontrar varias entrevistas a persoas implicadas na defensa do noso Patrimonio mariñeiro polo mundo adiante como Pablo Carrera, e a mariñeiros coñecedores do seu oficio como Tito Chirro, que falou sobre a súa aprendizaxe do oficio desde moi novo, de como pescaban os mariñeiros da Guarda cos aparellos da ardora. El que estaba nas súas viñas, explicou de maneira moi precisa e elocuente como era a pesca co alcharife na zona internacional do Miño, as normas que tiñan de seguir nos ariños internacionais e onde estaban os portos. Outra das entrevistas é a feita a Antonio Piedras sobre a pesca de cordel, un coñecido mariñeiro de Bueu que pescou dende pequeno co seu pai con esta arte. Ademais van encontrar artigos de investigación histórica sobre o corsario Pirî Reis, sobre os episodios navais da obra “Historia Compostellana” escrita en latín no século XII; sobre a segunda guerra das sardiñas entre as traiñeiras co cerco con xareta contra outras artes tradicionais. Tamén sobre as experiencias de dous biólogos en prospeccións pesqueiras no Ártico e en terras de Liberia; o cambio da vela ou do vapor ao motor de gasolina ou gasóleo na ría de Pontevedra, ou como a partir dos anos 60 comezan a chegar os motores da marca Britsh Seagull. En fin temas variados, diversos, que permiten comprender a nosa grande riqueza patrimonial, un patrimonio inmenso que desde Culturmar, coa colaboración de moita xente das vilas mariñeiras, se quere conservar e manter.
Ao final do acto, Emilio Insua que fixo un lixeiro resumo do nacemento e crecemento da revista comentou que todo o que publicamos, ano tras ano, todo o que recollemos é para que quede escrito, e non se esqueza. Nova Ardentía xa é agora unha revista de referencia e esperamos continuar moito tempo nesta liña.



Ningún comentario:
Publicar un comentario