13 de nov. de 2026

A GUARDA/AS NEVES

A Deputación aproba 235.000 euros para que As Neves e A Guarda poidan mellorar as súas infraestruturas deportivas 

•  Con estes recursos do IV PEID As Neves mellorará a accesibilidade na área de deporte da Caíña, mentres que A Guarda adquirirá maquinaria para o ximnasio da piscina municipal


Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra 

Foto: Rafa Estévez

Infogauda/A Guarda/As Neves

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas novas axudas do IV Plan de Infraestruturas Deportivas para os concellos das Neves e A Guarda por valor de 235.000 euros. En concreto, As Neves contará con 98.000 euros para o proxecto de mellora da accesibilidade na área de deporte da Caíña, en Santiago de Tortoreos, e A Guarda con preto de 140.000 euros para a adquisición de maquinaria para o ximnasio da piscina municipal.

 Máis polo miúdo, nas Neves na área deportiva da Caíña, contémplase a creación dun itinerario accesible que facilite a comunicación entre as distintas plataformas do recinto, mellorando así a accesibilidade e a seguridade das instalacións. A actuación inclúe a construción dunha rampla accesible, así como a execución de novos muros de contención, a instalación de cerramentos metálicos e a renovación dos accesos mediante portas peonís e para vehículos, dotadas de sistemas de control de entrada e saída. O conxunto das obras permitirá mellorar a funcionalidade, a protección e as condicións de uso deste espazo deportivo, favorecendo unhas instalacións máis accesibles, seguras e adaptadas ás necesidades da veciñanza.

Piscina municipal da Guarda

 Pola súa banda, o Concello da Guarda está a levar a cabo un proxecto de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética da piscina municipal, que inclúe tamén a ampliación e modernización do espazo destinado a ximnasio. Para completar esta actuación, prevese a adquisición de novo equipamento e maquinaria deportiva. A dotación incluirá aparellos cardiovasculares, máquinas de musculación e forza, equipamento para adestramento funcional e de grupo, así como diversos accesorios, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións máis modernas, completas e accesibles, mellorar a calidade dos servizos deportivos municipais e fomentar a práctica da actividade física e os hábitos de vida saudables entre a cidadanía.  

 O cuarto Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas está dotado con 8 millóns de euros e permite aos concellos de menos de 50.000 habitantes impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotar de equipamento estes espazos ou adquirir terreos para uso deportivo. O presidente provincial lembrou que o prazo para solicitar estes recursos aínda está aberto ata o 17 de decembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario