O río Miño volve navegar na memoria corenta anos despois da súa gran aventura
• A mostra fotográfica permanecerá aberta ao público na Casa dos Alonso ata o vindeiro 27 de novembro
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
A Casa dos Alonso, na Guarda, converteuse este venres nun espazo de memoria, emoción e recoñecemento ao acoller a inauguración da exposición fotográfica «O río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño», unha mostra que conmemora o 40 aniversario dunha aventura que en 1985 levou a cinco mozos do Baixo Miño a percorrer en canoa os 317 quilómetros do río.
Catro décadas despois daquela experiencia, os seus protagonistas volveron reunirse para compartir lembranzas, fotografías e anécdotas dunha viaxe que permanece na memoria colectiva como unha iniciativa cargada de ilusión, espírito aventureiro e conexión co territorio. O encontro permitiu recuperar non só a historia daquela expedición, senón tamén as vivencias persoais daqueles cinco mozos que decidiron descubrir o Miño desde unha perspectiva diferente: navegando polas súas augas, seguindo o curso do río desde a súa orixe ata a desembocadura.
O acto inaugural contou coa participación dos propios protagonistas da travesía e de diversas persoas vinculadas á defensa, ao estudo e á divulgación do patrimonio natural e cultural do territorio. No coloquio interviñeron o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o xeógrafo Horacio García; a vicepresidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Ana Santamariñas; Tito Chirro, da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, e o presidente do Club Alagua, Héctor Carrero.
Ao longo do encontro púxose de manifesto a enorme riqueza natural, cultural e patrimonial do río Miño, así como a necesidade de protexer este espazo e garantir a súa conservación de cara ao futuro. O río foi reivindicado non só como un elemento fundamental da paisaxe e da identidade do territorio, senón tamén como un patrimonio compartido que merece ser coñecido, valorado e preservado.
A exposición permite achegarse a aquela aventura de 1985 a través de fotografías e material orixinal empregado durante a expedición. Entre os elementos que forman parte da mostra atópanse unha das canoas utilizadas polos protagonistas, xunto cos chalecos e os remos que os acompañaron naquela travesía. Obxectos que, corenta anos despois, recuperan o seu significado e permiten reconstruír visualmente unha experiencia que foi moito máis ca unha viaxe fluvial.
«O río que nos move» é, así, unha homenaxe a aqueles cinco mozos e á súa iniciativa, pero tamén unha invitación a redescubrir o Pai Miño, a súa historia e todo o que representa para as comunidades que medran ao seu carón. Unha memoria que regresa ás augas para lembrarnos que os ríos tamén contan historias e que coñecelos é o primeiro paso para aprender a coidalos.
A mostra fotográfica permanecerá aberta ao público na Casa dos Alonso ata o vindeiro 27 de novembro, ofrecendo a oportunidade de coñecer de preto unha aventura que, corenta anos despois, continúa movendo lembranzas e conciencia arredor do río Miño.


Ningún comentario:
Publicar un comentario