31 de out. de 2026

OIA

O Concello de Oia vai estrear o documental “D. Antonio Estévez. 60 anos de vida e memoria en Oia”  

•  A proxección terá lugar o vindeiro sábado 7 de novembro, ás 17.00 horas, no Mercado de Oia


Imaxe extraída do documental “D. Antonio Estévez. 60 anos de vida e memoria en Oia”


Infogauda/Oia

    O Concello de Oia presentará o vindeiro sábado 7 de novembro, ás 17.00 horas, o documental “D. Antonio Estévez. 60 anos de vida e memoria en Oia”, unha produción promovida pola administración local para deixar testemuño audiovisual da traxectoria vital e humana de quen foi párroco de Burgueira e Loureza durante máis de seis décadas. Don Antonio desenvolveu o seu labor pastoral nestas dúas parroquias desde a súa chegada a Oia en 1964, permanecendo sempre moi vencellado á vida social e veciñal do municipio.  

 A estrea terá lugar no Mercado de Oia, un espazo municipal que destaca pola súa amplitude, comodidade e capacidade de acollida, permitindo reunir neste espazo renovado ás numerosas persoas que desexan acompañar a don Antonio nunha ocasión tan especial.   

 A peza audiovisual realiza un percorrido pola vida, as experiencias e os recordos de don Antonio, achegándose non só á súa faceta relixiosa, senón tamén á dimensión humana dunha persoa que marcou a varias xeracións de veciños e veciñas. Ao longo do documental recóllense testemuños de persoas da contorna que mantiveron unha relación de amizade e proximidade co homenaxeado, ofrecendo unha visión íntima e emotiva do seu paso por Oia.  

 A iniciativa nace coa vontade de preservar unha parte da memoria colectiva do municipio a través das vivencias dun dos seus protagonistas máis destacados. O documental recolle lembranzas, anécdotas e reflexións que permiten reconstruír a evolución das parroquias de Burgueira e Loureza e da propia sociedade oiense ao longo dos últimos sesenta anos.  

 A estrea constitúe ademais unha nova mostra do recoñecemento que a veciñanza e as institucións locais profesan a don Antonio, quen se retirou fai máis dun ano tras unha extensa traxectoria caracterizada pola súa dedicación, humanidade e compromiso coa veciñanza.   

 O Concello invita a toda a cidadanía a asistir a esta estrea, que pretende ser un acto de encontro, lembranza e agradecemento a unha figura profundamente querida e respectada no municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario