31 de out. de 2026

A GUARDA

A Guarda recupera a memoria das persoas que fixeron posible a oficialización do Camiño Portugués da Costa 

• A Guarda continúa coa celebración do décimo aniversario da oficialización do Camiño Portugués da Costa cunha conferencia de Ermelindo Portela, unha exposición fotográfica e un faladoiro no que participarán xerentes de negocios locais. 

 


Infogauda/A Guarda

 O Colectivo Amigos do Camiño Portugués da Costa da Guarda, organiza o vindeiro luns 2 de novembro dúas actividades culturais abertas ao público para conmemorar o décimo aniversario da oficialización deste itinerario xacobeo, un fito que supuxo un importante impulso para a proxección turística e económica da vila. 

 A programación comezará ás 19:00 horas, no Salón de Plenos da Casa dos Alonso, coa conferencia «Tres viaxes a Santiago», impartida por Ermelindo Portela Silva, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela. 

 A continuación, ás 19:45 horas, inaugurarase nos baixos da Casa dos Alonso unha exposición fotográfica dedicada á historia e evolución do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda. A mostra ofrecerá un percorrido en imaxes polas paisaxes, as persoas e as transformacións vinculadas a este itinerario. Poderá visitarse do 2 ao 9 de novembro, en horario de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. 

 As actividades conmemorativas continuarán o venres 6 de novembro, ás 19:00 horas, cun faladoiro no Salón de Plenos da Casa dos Alonso sobre a historia, evolución e impacto do Camiño Portugués da Costa. Nel participarán Grato Amor Moreno, da Asociación Amigos dos Pazos; Antón Ferreira, do colectivo organizador; Marta Silva, de Atmósfera Sport; Fernando Álvarez, do albergue O Peirao; Rafael Villa, da Panadería Morales; e Nuria Cerqueira, do albergue Baionamar. O encontro estará moderado por Fátima Rodríguez, membro do Colectivo. 

 Desde o colectivo destacan que esta conmemoración pretende poñer en valor o traballo das persoas e entidades que durante décadas impulsaron a recuperación e o recoñecemento oficial do Camiño Portugués da Costa, así como contribuír a divulgar a súa historia e a importancia que adquiriu para A Guarda. 

 Todas as actividades son abertas ao público. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario