O fío invisible de Silleiro e Monteferro
Ricardo Rodríguez Vicente
O mar que axitaba as costas de Cabo Silleiro e Monteferro no outono de 1975 non é moi diferente do que bate hoxe contra os cantís. Pero os mozos que daquela miraban o horizonte militar desde as baterías J-4 e J-3 tiñan o pelo negro - ou louro, nalgúns casos - as mans intactas e un abraio nos ollos que hoxe, cincuenta e un anos despois, se transformou nunha xeografía de engurras e sabedoría.
O pasado venres, cando o sol xa se agochara e Gondomar se tinguía de outono, o tempo detívose. Non importa cantas décadas pasasen, nin as vidas que cada un tivese que armar ao volver á casa. Había un fío invisible que volvía conectar a aqueles rapaces que un día saíron de Tomiño, do Rosal, da Guarda, de Oia, de Vigo, do Porriño ou da propia vila miñorá para coincidir no balbordo de Figueirido e Campolongo.
Os artilleiros do sur da provincia volvéronse mirar aos ollos nun restaurante local. Coordinados pola teima xenerosa de Mariño, Moa e Moisés, déronse eses abrazos que non precisan de prólogos. Abrazos de veciños do Val do Fragoso, do Val Miñor e do Baixo Miño que saben que compartir o rancho e a garda une máis ca calquera bando oficial.
Ao redor da mesa, entre pratos que sabían á froitos da terra e do mar que os viu medrar, o viño tinto novo serviu para facer rexurdir os recordos. Houbo quen brindou con cervexa sen alcohol, porque a prudencia do condutor tamén forma parte do respecto ao compañeiro. Riron coas mesmas anécdotas de sempre, as que se van esaxerando coas décadas pero que manteñen viva a mocidade.
Pero o ton humano dunha irmandade midese tamén polo silencio. Na sobremesa, cando as risas repousaron, fíxose un oco para os que xa non están. Non foi un recordo triste, senón un saúdo agarimoso cara ao pasado, unha forma de dicir que mentres un artilleiro do 75 siga en pé, ningún compañeiro será esquecido.
Cando a noite pechou e tocou marchar, ninguén se despediu cun "adeus". O pacto quedou asinado con firmeza na mirada: a resistencia continúa, a saúde aguantará, e o outono de 2027 volverá escoitar o eco da súa camaradería.

Ningún comentario:
Publicar un comentario