O PSOE do Porriño denuncia as faltas de respecto de Secretario e Alcalde cara á concelleira socialista no Pleno
• Ademais, na quenda de rogos e preguntas do Pleno ordinario de Outubro o presidente realizoulle tres avisos seguidos, sen advertencia no segundo da consecuencia, a pesar de que a expulsada reclamou o seu dereito na sala ao vulnerar o art. 95.2 do ROF
Infogauda/O Porriño
A agrupación socialista do Porriño está indignada polo ocorrido durante a celebración do Pleno ordinario de outubro. E faino público do seguinte xeito: “O Partido Popular está a cubrirse de gloria coas continuas faltas de respecto que dirixen cara á oposición. Négannos acceso a expedientes solicitados por rexistro, cálannos no Pleno pechándonos o micro durante as intervencións, fáltannos ao respecto e agora expúlsannos saltándose o regulamento”.
“Nesta sesión topámonos coa mesma situación de sempre, o PP non vota a favor de ningunha das mocións que o PSdeG-PSOE propuxo ao Pleno. Pero é que ademais, a dereita votou en contra dunha moción de urxencia presentada polos dous grupos da oposición -BNG e PSOE-, na que se solicitaba a apertura de expediente disciplinario e o cesamento de funcións do Inspector Xefe Principal da Policía Local do Porriño. Os socialistas non podemos deixar de preguntarnos por qué o alcalde lle ten tanto medo ao xefe da Policía Local?”.
A tensión desta sesión elevouse cando, estando a concelleira socialista na quenda de rogos e preguntas, respondendo por alusións ao Secretario que dixo: “se ten preocupación pola miña vida privada, vaia a un especialista que lle dea unha pastilla para ver se se lle quita, porque as preocupacións hai que quitarllas da cabeza”; o Alcalde/Presidente do Pleno péchalle o micro de inmediato para intervir el, quen ao non deixar de ser interrompido pola concelleira e tras expulsala da sesión por reclamar os seus dereitos, indicoulle “poña un ‘sonetone’ entón”.
“Alejandro Lorenzo e o seu equipo de Gobierno, demostran novamente que non están ao lado das necesidades reais dos seus veciños e que lles dá igual seguirincumpliendo a lexislación vixente en numerosos assuntos, cunha cara por diante e outra ben distinta por detrás. Pero é que a actuación do Secretario Municipal nesta sesión, podería tratarse dunha infracción dos deberes profesionais, éticos e deontolóxicos; xa que tampouco advertiu ao presidente do Pleno que se estaba vulnerando o art. 95.2 do ROF, a pesar de que a concelleira socialista solicitoulle, que fixese constar na acta, que non se lle realizaron as advertencias segundo Regulamento”.
Respecto de a resposta ofensiva ofrecida polo Secretario, Táboas manifesta: “O comentario, con claro aire sexista, pon de manifesto unha actitude moi pouco profesional e acorde a outras épocas pasadas. Esa expresión non lla diría a un concelleiro” e engade “pero o que máis me sorprende, é que ningunha das concelleiras do Partido Popular presentes, solicitasen que se retirase ese comentario. Quedaron todas caladas”.
“Por iso desde esta agrupación socialista, rexistramos a solicitude de anulación da expulsión do Pleno da concelleira socialista, Sthela Mª Táboas” quen finaliza engadindo que “non poden ampararse no ROF só cando lles interesa a eles, espero que Alejandro Lorenzo pense ben quen se ten que poñer o ‘sonetone’ e saiba desculparse”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario