30 de out. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés volve á carga co reto do Bera Bera 

• O equipo baixomiñoto recibe este sábado ao líder e un dos pesos pesados da competición na Sangriña (19.00 horas) 

• A convocatoria será de 16 xogadoras, coa volta de María Cobo e a baixa de Elena Martínez, aínda que Silvia Leiras é dúbida 




Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés retoma a competición cun novo reto como primeiro punto da súa folla de roteiro. O equipo miñoto volve do parón mañá (19.00 horas, A Sangriña) recibindo ao Super Amara Bera Bera, actual líder e un dos favoritos da categoría ante o que espera resarcirse da derrota do seu último partido en Málaga. A convocatoria será de 16 xogadoras, con María Cobo dispoñible por primeira vez e a baixa de Elena Martínez sen afectar o número de efectivos. 

 O Atlético Guardés chega tras dúas semanas de reflexión necesaria, dada a súa última actuación. O pasado 13 de outubro, as de José Ignacio Prades caeron tras 60 minutos de imprecisións na pista do Costa do Sol Málaga (28-19). Tratábase da primeira derrota da tempada, do primeiro fochanca en embazar un inicio de campaña brillante e marcado polas boas sensacións. Cunha quincena para puír erros e prepararse para o que vén, o obxectivo para mañá será volver facerse grandes da man dun Inferno disposto a vivir un dos partidos máis intensos do ano. 

 A convocatoria, pola súa banda, ve, por primeira vez, boas noticias. O conxunto galego confirmaba esta semana a volta á competición de María Cobo, quen levaba semanas vendo a luz ao cabo dunha longa recuperación da rotura de ligamento cruzado pola que se operou hai 11 meses. Con ela, Prades pasa a ter 16 efectivos dispoñibles a longo prazo; aínda que para este sábado está en dúbida a presenza de Silvia Leiras despois de días con molestias no nocello. Se todo fose ben, o técnico non necesitaría contar de novo con reforzos da base e, máis importante; a baixa de Elena Martínez, quen aínda espera máis noticias sobre a súa situación, non afectará á situación de partido máis do evidente. A posta en marcha de Cobo chega para engrosar as filas dun equipo que afronta un novo tramo do calendario moi esixente: á visita do poderoso donostiarra este sábado seguirana a saída a casa dun forte Elda, a acollida do campión Rocasa na Sangriña e un novo Derbi As Nosas no Porriño. Todo iso nun prazo de menos de 20 días antes do seguinte parón polo campionato europeo de seleccións.    

 No Bera Bera, pola súa banda, o inicio de tempada está a ser inmellorable, con seis vitorias en seis xornadas que se levaron por diante a rivais fortes como o amentado defensor do título (24-26) ou un Málaga anfitrión (17-22), entre outros. O conxunto vasco soubo sobreporse ás importantes saídas vividas a pasada campaña, como as de Lyndie Tchaptchet, Nicole Wiggins, Eszter Ogonovsky ou o técnico Imanol Álvarez; grazas ás incorporacións do novo adestrador Jon Begiristain -ata o de agora segundo ao mando-, a xuvenil Elene Fresco, Marie Louis, Kelly Fonkeng ou a exguardesa Amandine Balzinc na portería.  

 As engrenaxes, como vén sendo habitual, funcionan á perfección nun equipo que segue aspirando a todo e que chega disposto a non deixarse amedrentar pola afección da Sangriña. O reto está servido e as de José Ignacio Prades farán todo o posible por poñer a balanza ao seu favor e seguir crecendo, por difícil que sexa ante un dos grandes.  

José Ignacio Prades: “Temos un calendario complicado, véñennos equipos de máximo nivel” 

 O adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, coincide na dificultade das próximas semanas. “Sabemos que temos un calendario complicado en canto a que nos veñen equipos de moi alto nivel e chamados a pelexar por títulos”, indica, a pesar de o que “esperamos recobrar boas sensacións, mellores que as que tivemos en Málaga” empezando pola visita dun Bera Bera que considera “o candidato a todo de novo este ano e o máximo favorito”. 

 Independentemente de que o conxunto vasco “está a ir a máis”, o técnico valora como un punto a favor importante que “xogamos en casa”. As claves, alén do factor cancha, resúmense en que “teremos que facer un moi bo partido, sobre todo a nivel defensivo, e traballar moi ben as situacións de ataque e repregamento” para “sacar os dous puntos da Sangriña”, explica o de Petrer. En calquera caso, será un partido “de máxima esixencia” e para o adestrador, tamén, “moi bonito, dos que gustan xogar a xogadoras e técnicos”. O seu desexo, como sempre, “que o público nos acompañe unha vez máis e que poidamos ofrecerlles un bo partido”.  

AXENDA 

Liga Guerreiras Iberdrola 2026/2027 | Xornada 7  

Balonmán Atlético Guardés – Super Amara Bera Bera 

Sábado, 31 de outubro | 19.00 horas | A Sangriña 

Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés: 

https://www.youtube.com/watch?v=t4iu13qgpeg    

Ningún comentario:

Publicar un comentario