28 de out. de 2026

A GUARDA

MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE PERSOAS XA FIXERON USO DAS BIOTRITURADORAS MUNICIPAIS  

• Dende a súa adquisición en novembro de 2025, un total de 53 usuarios utilizaron este equipamento de préstamo, que o Concello pon a disposición da veciñanza para facilitar a xestión dos restos vexetais e fomentar prácticas máis sostibles  


Biotrituradoras municipais
Foto: CdaG

Infogauda/A Guarda  

 O Concello da Guarda fai un balance positivo do uso das biotrituradoras municipais, un servizo que permite á veciñanza xestionar de maneira máis sostible os restos vexetais xerados nas tarefas de poda e mantemento de xardíns.  

 Dende a adquisición destes equipos en novembro do ano pasado, un total de 53 usuarios xa fixeron uso das seis biotrituradoras das que dispón o Concello.  

 Este equipamento permite triturar ramas, follas e outros restos leñosos e de xardín para obter material que pode empregarse como estruturante ou acolchado, favorecendo así o aproveitamento dos residuos vexetais e contribuíndo á redución dos restos que precisan outros tratamentos.  

 O servizo é de especial relevancia durante a época de poda á que nos achegamos, cando aumenta a cantidade de restos vexetais xerados nos fogares e nas parcelas. Por iso, o Concello da Guarda lembra que as biotrituradoras están a disposición dos veciños e veciñas mediante un sistema de préstamo temporal, cunha duración máxima de sete días.  

 As persoas interesadas en utilizar este equipamento poden presentar a súa solicitude a través da sede electrónica municipal ou no Rexistro do Concello.  

 Das seis biotrituradoras dispoñibles, cinco foron adquiridas ao abeiro das axudas da Xunta de Galicia financiadas con fondos europeos NextGenerationEU, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A sexta foi adquirida anteriormente con fondos propios municipais.  

 Esta iniciativa contribúe a promover unha xestión máis eficiente dos residuos vexetais, facilitando a súa transformación en materiais reutilizables e fomentando hábitos máis respectuosos co medio ambiente. Para obter máis información ou resolver calquera dúbida sobre o servizo, as persoas interesadas poden contactar co Concello a través do correo electrónico medioambiente@aguarda.es ou do teléfono 986 61 00 00.

Ningún comentario:

Publicar un comentario