Alberte Pereira abre unha fiestra á memoria viva da Serra d’Arga
• A Sala de Exposicións do Concello do Concello do Rosal vai acoller do 31 de outubro ao 29 de novembro ‘ARGA’, unha mostra fotográfica que retrata a vida, as tradicións e as raíces dun mundo rural que se resiste a desaparecer
Infogauda/O Rosal
A fotografía como ferramenta para preservar a memoria dunha forma de vida que pouco a pouco vai esmorecendo. O Concello do Rosal abre este sábado 31 de outubro as portas a «ARGA», unha exposición do fotógrafo rosaleiro Alberte Pereira que convida a viaxar á Serra d’Arga, no noroeste de Portugal, para descubrir as persoas, as tradicións e as historias que manteñen viva a identidade deste territorio.
A mostra, que poderá visitarse na Sala de Exposicións do Rosal ata o 29 de novembro, propón unha viaxe visual e emocional a un mundo no que a vida continúa profundamente ligada á terra, aos ciclos da natureza, ás crenzas relixiosas e á forza da comunidade.
Alberte Pereira achégase a esta realidade desde unha ollada íntima, marcada polas lembranzas da súa propia infancia. A través da súa cámara detense nos pequenos xestos cotiáns, nos rostros, nas casas, nos animais e nas paisaxes que falan de traballo, esforzo, fe e resistencia. Imaxes que non buscan idealizar o rural, senón amosar a riqueza e tamén a fraxilidade dunha maneira de vivir ameazada polo abandono e polas transformacións sociais.
‘ARGA’ convértese así nunha homenaxe a unha forma de vida e unha chamada á reflexión sobre o que perdemos cando desaparece. Un convite a mirar máis alá das fotografías para recoñecer o valor das nosas raíces, dos coñecementos transmitidos entre xeracións e das historias que forman parte da memoria colectiva.

Ningún comentario:
Publicar un comentario