Tui abre o Setembro Xudeu cunha exposición sobre os sambenitos
• Que estará aberta á visita do público no Anexo da Sala Municipal de Exposición entre o 3 e o 30 de setembro
Infogauda/Tui
Tui inaugurará este xoves a programación do Setembro Xudeu coa apertura da exposición “Os sambenitos da Catedral de Tui: historia, memoria e infamia”. Esta mostra, organizada polo Concello de Tui, chega á cidade logo de ser presentada no pasado mes de xaneiro no Centro Sefarad, en Madrid, e visitar posteriormente as cidades de Llerena e Ávila, integradas, como Tui, na Red de Juderías de España.
Esta exposición, enmarcada tamén nas actividades do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui, ten como obxectivo contribuír á difusión destas pezas singulares que atesoura a catedral tudense, e que constitúen unha testemuña excepcional da presenza sefardí na cidade.
A colección de sambenitos está conformada por cinco lenzos nos que están pintados catorce sambenitos —trece de mulleres e un dun home— correspondentes a outros tantos “penitenciados” ou condenados polo Tribunal da Inquisición polas súas prácticas xudías nuns procesos realizados nas primeiras décadas do século XVII. Estes lenzos ou “sambenitos” estaban destinados a ser colocados nas paredes da catedral tudense como condena permanente destas persoas e das súas familias, que quedaban así sinaladas.
Esta colección de sambenitos é un dos principais elementos patrimoniais que posúe Tui como legado da presenza de comunidades xudías, ata a expulsión de 1492, e de posteriores grupos dos denominados “cristiáns novos” ao longo dos séculos XVI e XVII. Este importante acervo patrimonial está na orixe da pertenza de Tui á Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, que integra na actualidade a 27 cidades españolas.
En concreto a mostra está formada pola reprodución dos cinco lenzos con catorce sambenitos pintados procedentes do Museo Diocesano de Tui, xunto a paneis explicativos nos que se aborda que son os sambenitos, a presenza xudía na Idade Media, os cristiás novos, a presenza da Inquisición en Galicia e en Tui e os procesos inquisitoriais.
A exposición estará aberta á visita do público no Anexo da Sala Municipal de Exposición entre o 3 e o 30 de setembro.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, destaca que a celebración desta exposición é una oportunidade excelente para a difusión do legado xudeu de Tui e para a divulgación destes elementos patrimoniais como son os “sambenitos”, unhas pezas excepcionais pero escasamente coñecidas, tanto por estudosos como polo público en xeral.

Ningún comentario:
Publicar un comentario