O río que nos move: unha viaxe polo Miño que regresa corenta anos despois
• Tui recupera a memoria dunha expedición que, en 1985, levou cinco amigos do Baixo Miño a percorrer en canoa os 317 quilómetros do río, dende o seu nacemento até a desembocadura
Ricardo Rodríguez Vicente/Tui
Hai viaxes que rematan cando se chega ao destino e outras que continúan moito despois, alimentadas pola memoria. A que cinco amigos do Baixo Miño emprenderon en 1985 pertence a esta segunda categoría. Corenta anos despois, aquela aventura polo río Miño regresa a Tui convertida en exposición baixo un título que resume ben o seu espírito: «O río que nos move».
A Sala Municipal de Exposicións de Tui acolle desde este mércores, unha mostra que reconstrúe cronoloxicamente aquela expedición, na que os cinco protagonistas decidiron percorrer en canoa os 317 quilómetros do Miño, dende o seu inicio até o final do seu curso. Unha viaxe ligada ao territorio, á amizade e á vontade de descubrir un río que, máis alá de marcar unha fronteira, é tamén un elemento de unión entre as dúas beiras.
A inauguración contou coa participación da deputada provincial Paula Bouzós Barros e serviu como punto de partida para unha mostra que recupera unha experiencia deportiva e vital acontecida nun momento no que lanzarse ao río durante centos de quilómetros supoñía tamén afrontar un importante desafío persoal.
A memoria daquela travesía foi, ademais, protagonista dun coloquio celebrado con motivo da inauguración. Nel participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira; o comandante naval do Miño, Víctor García Pozuelo; o historiador Rafael Sánchez Bargiela; e o padexeiro Enrique Míguez, medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Los Angeles de 1984.
As diferentes perspectivas achegadas ao encontro permitiron mirar o Miño desde distintos ángulos: como espazo deportivo e de aventura, como territorio compartido, como escenario histórico e como canle de comunicación entre comunidades que viven a ambos lados da fronteira. Un río que, durante séculos, separou administrativamente, pero que tamén foi creando vínculos entre as súas ribeiras.
«O río que nos move» recupera así non só unha expedición de 1985, senón tamén unha maneira de entender o Miño. A través do percorrido cronolóxico da mostra, o visitante pode achegarse a aquela aventura e reconstruír os pasos dun grupo de amigos que decidiu converter o río nun camiño.
A exposición poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións de Tui até o 23 de setembro, ofrecendo durante estas semanas a oportunidade de volver navegar, aínda que sexa coa memoria, por aqueles 317 quilómetros de río que hai corenta anos se converteron no escenario dunha viaxe difícil de esquecer.



Ningún comentario:
Publicar un comentario