2 de set. de 2026

TUI

Tui rexistra un agosto de récord no turismo   

A Oficina Municipal de Turismo certifica un aumento do 28% con respecto ao ano anterior 


Vista do exterior da Oficina Municipal de Turismo de Tui
Foto: CT

Infogauda/Tui

 Tui segue medrando como punto turístico e de benvida para as persoas que deciden visitar a cidade nas súas vacacións. Segundo os datos da Oficina Municipal de Turismo, situada no Paseo da Corredoira, 5.614 persoas pasaron polo seu mostrador no mes de agosto. É unha cifra récord, supoñendo un crecemento do 28% con respecto ao pasado ano.  

 Do total, 1.113 foron peregrinos e peregrinas e 4.501 visitantes que acudiron ao punto de información turística en demanda de información para a súa visita ou na súa peregrinación cara Santiago de Compostela, no Camiño Portugués.  

 O número de turistas procedentes de España é maioritario, fronte aos 220 que chegaron dende outros países. Por provincias no noso país, chegaron dende Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla; no ámbito internacional, procedían de Portugal, Francia, Italia e Estados Unidos.  

 En canto ás persoas camiñantes cara Compostela, pasaron na súa maioría dende España —Madrid, Sevilla, Barcelona, Málaga ou Córdoba— e foron 347 os estranxeiros, chegando dende Italia, Estados Unidos, Alemaña, Portugal ou Reino Unido.  

 Para a concelleira de Turismo, Ana Núñez, estas cifras marcan a tendencia crecente na afluencia de visitantes, turistas e peregrinos que converten á cidade de Tui nunha referencia turística no sur de Galicia. Sinala tamén o positivo impacto da celebración do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui, que ten contribuído notablemente no posicionamento da oferta turística e patrimonial da cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario