22 de set. de 2026

A CORUÑA

Valentín García felicita a Xerardo Quintiá pola “súa contribución á creación literaria en galego” como gañador do XX Premio de Narrativa Breve Repsol 

 O representante da Consellería de Cultura resaltou sobre a obra, presentada baixo o título ‘A Miseria’, a súa “sensibilidade social” 


O secretario xeral da Lingua participou hoxe no acto no que se deu a coñecer o galardoado desta edición do certame co que colabora a Xunta  

Foto: XG

Infogauda/A Coruña

 O secretario xeral da Lingua, Valentín García, felicitou hoxe a Xerardo Quintiá, gañador do XX Premio Narrativa Breve Repsol, pola “súa contribución á creación literaria en galego”. Fíxoo durante o acto no que se deu a coñecer o galardoado desta edición dun certame que, apuntou, “promovemos desde a Xunta en colaboración coa Fundación Repsol desde hai 20 anos porque é unha convocatoria clave no impulso da literatura na nosa lingua”.  

 Neste senso, o representante da Consellería de Cultura apuntou que A Miseria, título baixo o que se presentou a obra, “ademais de enriquecer as publicacións en lingua galega, tamén aporta un gran valor polo seu contido, xa que nos conta unha historia cunha gran sensibilidade social”. Referiuse deste xeito ao argumento que versa sobre un desafiuzamento e as consecuencias que provoca nunha familia.  

 Valentín García tamén fixo fincapé en que se trata dun galardón “consolidado e de prestixio que sempre consigue espertar o interese de novos lectores”. Ademais, destacou que nesta convocatoria se presentaran  máis de 60 títulos orixinais inéditos, o que dá conta, dixo, “do interese que tamén provoca nos autores e autoras este certame”.  

 No acto, celebrado na Fundación Seoane, tamén participaron a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o concelleiro de Cultura e Turismo coruñés, Gonzalo Castro; o director xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; a académica da Real Academia Galega, Dolores S. Palomino, e Armando Requeixo como voceiro do Xurado.  

 O gañador desta edición, que toma o relevo de Carmen V. Valiña, que se fixo co premio o ano pasado con Illa de Sangue, recibirá 15.000€ e verá publicada a obra por parte da Editorial Galaxia. Cómpre destacar que Xerardo Quintiá, natural do concello lucense de Friol, xa ten publicadas unha vintena de libros de narrativa, ademais de participar noutras obras de carácter colectivo e de recibir diversos recoñecementos no mundo da literatura.  

 O Goberno galego colabora co Premio de Narrativa Breve desde o seu nacemento, no ano 2006, cando foi creado polo Complexo Industrial de Repsol, período no que ten rexistrado a participación de 1.000 obras orixinais de escritores e escritoras galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario