AMEI TUI pecha INTEGRALAB con 25 mulleres atendidas e pon en marcha a segunda edición do programa.
• A entidade dá continuidade ao proxecto de atención integral a mulleres inmigrantes tras completar a primeira edición con 25 participantes, ofrecendo apoio psicolóxico, xurídico, social, formativo e laboral
Infogauda/Tui
A Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI TUI) vén de finalizar a primeira edición de INTEGRALAB, un programa de atención integral e especializada dirixido a mulleres inmigrantes en situación de especial vulnerabilidade de Tui e concellos da contorna, que pecha esta etapa cun total de 25 mulleres atendidas.
Os resultados acadados e, especialmente, a necesidade de continuar ofrecendo no territorio recursos especializados para este colectivo permiten dar continuidade á iniciativa coa posta en marcha dunha segunda edición de INTEGRALAB, que xa iniciou a atención e incorporación de novas participantes.
INTEGRALAB nace cunha metodoloxía baseada na atención personalizada e no deseño de itinerarios individuais de integración, abordando de maneira coordinada as diferentes circunstancias que poden condicionar a autonomía e a inclusión social e laboral das mulleres inmigrantes.
Durante a primeira edición, as 25 participantes tiveron acceso, en función das necesidades detectadas en cada caso, a orientación e acompañamento social, atención psicolóxica especializada, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, formación para a adquisición de competencias persoais, sociais e dixitais e orientación e acompañamento para a procura de emprego.
Este modelo permite superar unha intervención baseada en actuacións illadas e abordar de maneira integral factores que frecuentemente aparecen interrelacionados: situación administrativa, dificultades de acceso aos recursos, ausencia de redes de apoio, barreiras culturais, necesidades emocionais, déficit de competencias dixitais ou dificultades de acceso e permanencia no mercado laboral.
Especial relevancia tivo o acompañamento individualizado, que permitiu adaptar a intervención á realidade de cada participante e establecer obxectivos progresivos vinculados á mellora da súa situación persoal, social e laboral, reforzando a súa autonomía e capacidade para tomar decisións sobre o seu propio itinerario.
INTEGRALAB continúa cunha segunda edición
AMEI TUI inicia agora unha segunda edición do programa, mantendo o carácter integral da intervención e a coordinación entre os distintos perfís profesionais.
A nova edición continuará proporcionando atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural, formación en competencias dixitais e para o emprego, orientación laboral, acompañamento na procura activa de emprego e apoio no acceso aos recursos e servizos existentes no territorio.
Desde AMEI TUI considérase especialmente importante dar continuidade a este tipo de intervencións, xa que as mulleres inmigrantes poden afrontar unha acumulación de factores de desigualdade relacionados co xénero, a orixe, a situación socioeconómica, as responsabilidades de coidado, a situación administrativa ou a falta de redes de apoio. A resposta a estas realidades require recursos próximos, especializados e capaces de actuar desde unha perspectiva de xénero e intercultural.
Co inicio desta segunda edición, AMEI TUI reafirma así o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, a inclusión activa, o empoderamento e a autonomía persoal, social e económica das mulleres, consolidando INTEGRALAB como un recurso de acompañamento integral no territorio.
Estas accións son posibles grazas á subvención da Xunta de Galicia a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade – Dirección Xeral de Promoción da Igualdade) e pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Ningún comentario:
Publicar un comentario