FEMUPO inaugura en Tui a exposición “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”
• A mostra, enmarcada no proxecto impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo, poderá visitarse na Oficina de Turismo de Tui do 3 ao 11 de setembro.
Infogauda/Tui
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) inaugurará este xoves, 3 de setembro, ás 17:00 horas, na Oficina de Turismo de Tui, a exposición “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, unha iniciativa itinerante que busca visibilizar o talento feminino galego, achegar referentes á cidadanía e conectar igualdade, territorio e valores do Camiño de Santiago.
A exposición forma parte dun proxecto de carácter cultural, educativo e social que percorre diferentes concellos da provincia de Pontevedra vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa.
A través da mostra, FEMUPO pon en valor as traxectorias de mulleres e entidades recoñecidas ao longo das diferentes edicións dos Premios Mulleres FEMUPO, convertendo as súas historias en referentes próximos capaces de inspirar a novas xeracións e á sociedade no seu conxunto.
O proxecto complétase con actividades participativas e de sensibilización arredor da igualdade, os referentes femininos, o territorio e os valores propios do Camiño de Santiago, como a cooperación, o respecto, a convivencia e o coidado da contorna.
Entre as propostas participativas atópase tamén “As mulleres que fan o noso Camiño”, unha dinámica na que cada persoa poderá identificar unha muller referente na súa vida, escribir o seu nome e unha pequena mensaxe nunha cuncha e depositala para formar posteriormente parte dun mural colectivo. A iniciativa pretende demostrar que os referentes femininos non se atopan unicamente entre figuras públicas, senón tamén nas familias, nos barrios, nas escolas, nos lugares de traballo e nas propias comunidades.
Tui ocupa un lugar especialmente significativo dentro do proxecto pola súa vinculación histórica co Camiño Portugués, sendo unha das principais portas de entrada a Galicia das persoas peregrinas que realizan esta ruta cara a Santiago de Compostela.
A exposición poderá visitarse na Oficina de Turismo de Tui desde o 3 ata o 11 de setembro de 2026, tras a súa inauguración oficial o xoves ás 17:00 horas.
Desde FEMUPO agradecen especialmente ao Concello de Tui a súa colaboración, dispoñibilidade e apoio para facer posible o desenvolvemento desta iniciativa no municipio.
“Queremos que esta exposición sexa tamén un espazo de participación, no que a cidadanía poida descubrir referentes femininos, pero tamén pensar nas mulleres que, desde o seu entorno máis próximo, abriron camiño e deixaron pegada nas súas vidas”, destacan desde FEMUPO.
“Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” concíbese así como unha experiencia participativa, itinerante e transformadora que une igualdade e territorio e que reivindica o papel das mulleres como parte esencial da historia, do presente e do futuro das comunidades polas que transcorre o Camiño de Santiago.
Este proxecto está impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario