Seguridade cidadá
Abel Losada destaca a coordinación das forzas de seguridade para garantir unha Festa dos Callos “tranquila e familiar”
• A Xunta Local de Seguridade extraordinaria coordinou esta mañá o operativo para garantir a seguridade e a circulación durante as dúas xornadas da celebración
Foto: SdeG
Infogauda/Salceda de Caselas
A Xunta Local de Seguridade de Salceda de Caselas reuniuse esta mañá con carácter extraordinario para coordinar o dispositivo de seguridade da 32ª edición da Festa dos Callos, que se celebrará esta fin de semana na localidade.
A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e contou coa participación de representantes da Garda Civil e da Policía Local.
Durante a xuntanza ultimáronse os detalles dun operativo destinado a garantir tanto a seguridade das persoas asistentes como a ordenación da circulación de vehículos ao longo das dúas xornadas. O dispositivo estará reforzado, ademais, por persoal voluntario de Protección Civil de Salceda de Caselas.
Abel Losada destacou a importancia da colaboración institucional e mostrou a súa satisfacción pola cooperación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e as policías locais dos concellos da provincia. “É unha colaboración moi rodada, que funciona moi ben e que nos permite coordinar con eficacia os dispositivos de seguridade necesarios para que celebracións multitudinarias como a Festa dos Callos se desenvolvan con tranquilidade e, como neste caso, nun ambiente familiar”, afirmou.
O subdelegado incidiu tamén na importancia preventiva destes dispositivos, que, ademais de permitir unha resposta coordinada ante calquera incidencia, contribúen a disuadir posibles condutas delituosas ou actos vandálicos aproveitando as grandes concentracións de persoas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario