O verán deixa no Rosal dous meses de xogos, aprendizaxes e novas experiencias para 50 nenos e nenas
• O Concello pechou o Campamento Urbano 2026 cunha gran valoración por parte das familias e cun programa que combinou conciliación, igualdade, convivencia e coñecemento da contorna
Infogauda/O Rosal
Xogar, experimentar, percorrer ríos e muíños, facer teatro, superar retos ou aprender a compartir os coidados converteron cada día deste verán nunha nova oportunidade para medrar. O Campamento Urbano O Rosal 2026, organizado polo Concello, pechou dous meses de intensa actividade nos que 50 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos gozaron dun programa de lecer e educativo pensado non só para facilitar a conciliación das familias, senón tamén para aprender, convivir e descubrir o municipio.
Durante xullo e agosto, un equipo formado por cinco monitoras acompañou á cativada nun programa contou con horario ampliado e servizos complementarios para favorecer a conciliación. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “o campamento é unha ferramenta de conciliación fundamental durante as vacacións escolares, pero queremos que sexa moito máis ca iso. Buscamos ofrecer ás crianzas un espazo seguro no que divertirse, facer amizades, gañar autonomía, coñecer mellor o lugar no que viven e aprender valores que as acompañen tamén fóra do campamento”.
E os resultados avalan a experiencia. A enquisa realizada ao remate do programa deixa unha gran valoración por parte das familias, especialmente na organización e comunicación coas familias, na actitude do equipo de monitoraxe e na calidade das instalacións. Ademais, o 100 % das familias participantes na avaliación asegurou que repetiría a experiencia. “Que as familias valoren deste xeito o campamento é unha enorme satisfacción, pero tamén unha responsabilidade para seguir mellorando”, destaca a rexedora, que agradeceu “a confianza das familias, o traballo e implicación das monitoras e, por suposto, a enerxía dos nenos e nenas, que son os que realmente lle dan vida ao campamento”.
Un verán para experimentar e descubrir O Rosal
A programación converteu o xogo na principal ferramenta de aprendizaxe e combinou propostas deportivas, creativas, ambientais, científicas e comunitarias. Houbo olimpíadas, ioga, experimentos científicos, teatro, xogos cooperativos e populares, festa da auga, un talent show, camisetas tie dye, retos de lóxica, creación de refuxios con materiais reciclados, cine e festa de pixamas, entre outras moitas actividades.
Pero boa parte do campamento desenvolveuse tamén fóra do seu espazo habitual. A propia contorna natural e patrimonial converteuse nunha aula ao aire libre con saídas ao Parque de Pías, ás Aceñas, ao Velódromo de Tabagón, á Ruta dos Muíños do Folón e do Picón, ao Ecoparque Campo Novo e aos ríos Urgal, Pesqueira e Tamuxe, así como ao Lagar de Fornelos. Unha forma de coñecer e valorar o territorio a través da experiencia directa.
A participación das propias crianzas foi ademais gañando protagonismo ao longo do verán. Nos últimos días foron elas mesmas as que colaboraron na elaboración da programación e escolleron e explicaron os xogos que querían realizar, reforzando así a autonomía, a responsabilidade e a capacidade para tomar decisións en grupo.
A igualdade tamén se aprende xogando
A perspectiva de igualdade estivo presente de maneira transversal durante os dous meses, favorecendo unha participación equilibrada de nenos e nenas, evitando a asignación de roles baseados en estereotipos e traballando a corresponsabilidade no coidado dos espazos e do propio grupo.
A programación incorporou tamén actividades específicas como o Escape Room da Corresponsabilidade, obradoiros sobre estereotipos, prexuízos e discriminación ou o Comando Igualdade, ademais de dinámicas orientadas a compartir responsabilidades. A avaliación constatou unha participación equilibrada nas actividades e que moitas crianzas se animaron a probar propostas tradicionalmente menos asociadas ao seu xénero.
O Concello terá agora en conta as achegas realizadas polas familias para continuar mellorando futuras edicións, entre elas estudar unha posible ampliación do horario de tarde e das semanas de campamento, incrementar as saídas e actividades ao aire libre ou continuar adaptando as propostas ás diferentes idades e necesidades.
A actividade foi cofinanciada pola Consellería de Política Social e polo Ministerio de Igualdad.
Ningún comentario:
Publicar un comentario