3 de set. de 2026

TOMIÑO

Tomiño renova máis de 12 km de camiños cun investimento de máis de 1,3 millóns  

  O Concello impulsa a mellora de 60 vías municipais ao longo de todas as parroquias do municipio


As actuacións, distribuídas por diferentes parroquias, combinan obras xa executadas, traballos actualmente en marcha e novas intervencións en proceso de licitación, permitindo actuar de maneira progresiva sobre a extensa rede viaria municipal

Foto: CT 

Infogauda/Tomiño

 Máis de 12 quilómetros de vías renovadas debuxan sobre o mapa de Tomiño novas intervencións que continúan o camiño dos últimos anos para mellorar a mobilidade da veciñanza. O Concello está a impulsar o asfaltado de 60 camiños e vías municipais ao longo de todas as parroquias do municipio, cunha superficie total que rolda os 70.000 m2 e un investimento global superior aos 1,3 millóns de euros. 

 As actuacións, distribuídas por diferentes parroquias, combinan obras xa executadas, traballos actualmente en marcha e novas intervencións en proceso de licitación, permitindo actuar de maneira progresiva sobre a extensa rede viaria municipal. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a dimensión dun investimento que “nos permite mellorar vías que forman parte da vida cotiá da veciñanza e que son fundamentais para os desprazamentos dentro das nosas parroquias. Son 60 camiños e moitos metros cadrados asfaltados que amosan o importante esforzo que estamos a facer para continuar modernizando a rede viaria municipal”, salienta. 

 Neste momento, o Concello captou fondos do Plan +Provincia 2025 e +Provincia 2026, así como do Vía Depo 2026 e de Agader para a acometer o asfaltado dunha parte dos máis de 500 km de camiños municipais cos que conta Tomiño, unha distancia equivalente á ida dende o municipio a Madrid.  

 “Somos un concello cun territorio moi amplo e disperso e cunha extensa rede de camiños municipais, polo que manter e mellorar estas vías require planificación, constancia e un importante esforzo económico”, explica Sandra González. A rexedora salienta que o Concello “traballa para aproveitar as diferentes vías de financiamento e multiplicar así a capacidade de investimento municipal, porque cada recurso que conseguimos captar permítenos chegar a máis lugares e responder ás necesidades das parroquias”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario