BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés comeza a Liga este mércores na Sangriña
• O equipo baixomiñoto recibe ao Grafometal La Rioja para disputar a primeira xornada ligueira este mércores na casa, ás 20.00 horas e ante as cámaras de Teledeporte
• As de Prades tratarán de seguir coas boas sensacións da pretempada nunha semana que concentra xa outro encontro o sábado en Sagunto
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés inaugura a Liga. Este mércores ás 20.00 horas, o pavillón da Sangriña e as cámaras de Teledeporte serán testemuños da estrea competitiva do cadro de persoal de José Ignacio Prades, que espera valerse dos seus para continuar as boas sensacións da pretempada nun encontro esixente ante un Grafometal La Rioja que apunta a medrar este curso.
O equipo baixomiñoto chega con ganas, por fin, de volver a vivir a Liga ante os seus. Aínda que os seus maiores éxitos do pasado curso centráronse nos outros dous torneos nos que competía, con esa prata na Copa da Raíña e o título da EHF European Cup, a competición de Iberdrola sempre é un obxectivo principal e supón, ademais, un termómetro importante para o plantel. Por iso, a idea este mércores será inaugurar o curso con boas sensacións, alongando os resultados positivos do traballo dunha pretempada que o Atlético Guardés puido pechar coroándose gañador da Supercopa de Galicia.
Cun balance de catro vitorias e dúas derrotas, a preparación desta tempada pechouse para o equipo baixomiñoto con conclusións importantes, entre as que destacan unha defensa compacta que deixou a portería nunha media de 23 goles recibidos por encontro (algo alterada polas dúas derrotas folgadas do Summer Bag). Polo demais, este mércores José Ignacio Prades contará cunha convocatoria nutrida de 16 xogadoras con ganas de seguir a aportar o seu gran de area ao grupo. E, aínda que polo momento non afecta á cantidade de recursos xa que ese é o máximo de convocadas permitido, o equipo da Guarda inicia esta tempada coa baixa de María Cobo, a súa nova estremo que hai nove meses foi operada dunha rotura de ligamento cruzado anterior no xeonllo esquerdo. A valenciana continúa, con todo, a súa reincorporación con éxito e segundo o previsto, e aínda que xa realiza traballo grupal en pista precisa aínda unhas semanas máis de adaptación antes de retornar oficialmente ao campo de xogo.
A pretempada, unha semana máis longa do habitual, centrouse ademais en reforzar a preparación física das xogadoras, pensando especialmente no perigo das lesións e nas esixencias dun curso que condensa no seu epílogo os momentos decisivos de cada competición. Algo vital para un conxunto baixomiñoto que volverá estar en Europa e que aspira a chegar ao final desta Liga e da Copa da Raíña con posibilidades un ano máis. O alto ritmo competitivo, ademais, comeza xa, con dobre cita esta semana: o xoves pola noite as de Prades deberán saír rumbo a Sagunto, onde o sábado visitarán ao Balonmano Morvedre para disputar a segunda xornada (19.30 horas).
Volvendo ao primeiro asalto, este mércoes o anfitrión recibirá a visita dun Grafometal La Rioja reforzado durante o verán. As de Luismi Ascorbe sufriron baixas sensibles dende a última tempada, coma a retirada de Maitane Larrayoz ou as saídas de Sofía Rivadeneira e Mina Novovic, entre outras; se ben as súas adquisicións, a priori, parecen compensalas con creces. Ademais da entrada de Marta Mera baixo paus e doutros grandes nomes coma Aileen Ripa ou Azul Spinelli, o equipo logroñés conta este ano coa potencia das exguardesas Pali Fernández e Jazmín Mendoza, calidade paraguaia que fixo méritos nunha pretempada case perfecta.
No último mes, o Sporting rioxano asinou case un pleno de vitorias impoñéndose con claridade en cinco dos seus seis partidos de pretempada, contra rivais directos coma o Beti-Onak (15-17 e 25-19) e tamén ante o Zuazo de Ouro (26-18) ou o ascendido Oviedo (28-25 e 18-21). A súa única gralla, unha caída moi folgada ante o Bera Bera (34-16), que lle permitiu igualmente recoller sensacións e métricas que seguro tratará de aplicar este mércores. O obxectivo, para o Guardés, volver valerse da súa afección para comezar o ano con bo pé e resarcirse, xa de paso, da última visita rioxana á Sangriña, que se saldou cunha derrota amarga o pasado mes de xaneiro (20-22).
José Ignacio Prades: “Xogamos na casa e temos que ser capaces de competir a un nivel alto malia estar ao inicio da Liga”
José Ignacio Prades estréase tamén este mércores coma adestrador do Atlético Guardés na súa segunda etapa á fronte do proxecto deportivo do club baixomiñoto. Valora este comezo con expectativas positivas, despois do satisfactorio final da pretempada para as súas, indicando que “tódolos equipos estamos a esperar que comece a competición e a Liga despois de tanto traballo” neste mes de agosto, marcado por unha preparación que para as súas foi “quizais, especialmente longa, no mellor sentido da palabra”.
“Temos moitas xogadoras novas e moitos conceptos que asimilar, mais creo que foi un acerto o feito de alongar esa pretempada para aumentar a sinerxía grupal que precisamos e para que o corpo técnico poidamos entender ben ás xogadoras e saber que imos pedirlles”, engade o de Petrer. Ademais de frutífera e informativa, para Prades esta preparación tamén foi boa “en canto a traballo”, xa que “faltan moitas cousas por axustar, pero creo que nesa tesitura estarán tódolos equipos”.
En canto a este mércores, o novo técnico destaca a vantaxe que supón estrear a Liga como anfitrioas, algo que lles dá “seguridade” e déixaas “con moitas ganas de vivir un partido de Liga de novo na Sangriña”, esperando “que o público nos axude a pasar este primeiro partido, que non vai ser nada sinxelo”. Aínda que o La Rioja semella dar un salto de nivel nesta nova campaña, a folla de ruta do adestrador do Guardés non contempla caídas: “Xogamos na casa e temos que ser capaces de competir a un nivel alto malia estar ao inicio da competición”, sentencia, chamando por última vez a esa “axuda do público, que ogallá nos faga render un pouquiño por enriba das nosas posibilidades”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 1
Balonmán Atlético Guardés – Grafometal Sporting La Rioja
Mércores, 9 de setembro | 20.00 horas | Pavillón municipal da Sangriña
Retransmitido en directo por Teledeporte e en continuo:
https://www.rtve.es/play/videos/directo/balonmano-atletico-guardes-grafometal-larioja/
Ningún comentario:
Publicar un comentario