19 de set. de 2026

CULTURA

Mondariz-Balneario afonda na figura de Otero Pedrayo coa proxección dun documental sobre a súa faceta de xeógrafo  




Ricardo Rodríguez Vicente/ Mondariz Balneario

 Mondariz-Balneario acollerá o vindeiro sábado, 3 de outubro, a presentación e proxección do documental Ramón Otero Pedrayo. Dereito á Paisaxe, unha obra audiovisual dirixida por María José Bravo Bosch e impulsada en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo.  

 A actividade terá lugar ás 20:00 horas na sala de cultura da Casa do Concello e permitirá achegar ao público a unha das dimensións menos coñecidas, pero fundamentais, da personalidade e da obra de don Ramón Otero Pedrayo: a súa faceta como xeógrafo e a súa particular relación coa paisaxe galega.

 O documental afonda no pensamento e na mirada de Otero Pedrayo sobre o territorio, reivindicando a importancia da paisaxe como elemento esencial para comprender Galicia e a súa identidade. A proposta audiovisual recupera así a figura dun dos grandes referentes da cultura galega e pon o foco na súa contribución ao coñecemento e á interpretación do territorio.  

 A sesión contará coa presentación da película, nun encontro que pretende tamén servir como espazo de divulgación e reflexión arredor do legado intelectual de Otero Pedrayo e da vixencia do seu pensamento sobre a paisaxe.  

 A entrada será libre e de balde, polo que o Concello de Mondariz-Balneario convida á veciñanza e a todas as persoas interesadas na cultura galega, na xeografía e no patrimonio a participar nesta actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario