7 de set. de 2026

A GUARDA

A ÓPERA ROCK O CAMIÑO DO AMOR XA TEN NOVA DATA: O ESPECTÁCULO CHEGARÁ Á GUARDA ESTE DOMINGO 13 DE SETEMBRO  

O concerto, inicialmente previsto para o 23 de agosto e adiado por mor das condicións meteorolóxicas adversas, celebrarase finalmente este domingo ás 21:00 horas na Alameda da Guarda 

O espectáculo combina música, teatro e cine a través dunha historia de amor acompañada por grandes clásicos do rock  


Infogauda/A Guarda

 O Camiño do Amor xa ten nova data para a súa chegada á Guarda. O espectáculo, inicialmente previsto para o pasado 23 de agosto e que tivo que ser adiado por mor das condicións meteorolóxicas adversas, celebrarase finalmente este domingo, 13 de setembro, ás 21:00 horas na Alameda da Guarda.  

 A proposta mantén a súa combinación de música, teatro e cine, construíndo unha historia de amor na que o rock se converte no gran protagonista.   

 O Camiño do Amor reúne algúns dos grandes clásicos do rock e da música internacional, con temas como Still Loving You, de Scorpions; Hotel California, de Eagles; Your Song, de Elton John; Is This Love, de Whitesnake; Angie, dos Rolling Stones; Dream On, de Aerosmith, ou Stairway to Heaven, de Led Zeppelin, entre outros.  

 Musicalmente, a ópera rock O Camiño do Amor conta coa participación de Claxxoon, acompañado pola voz de Rosa do Mar e o saxofonista Miguel Ponce. A dirección musical corre a cargo de Diego Grande, mentres que Carlos Alleres participa como produtor e director do musical e Manu Méndez como produtor executivo.  

 Na parte audiovisual participan coñecidos intérpretes galegos como Tacho González, Víctor Fábregas, María Costas e José Churruca, xunto aos protagonistas Lou7go, María G. Caamaño e Nando Llon, ademais de máis de medio cento de extras.  

 O espectáculo toma como punto de partida Still Loving You e unha parella que recoñece que a súa relación rematou, pero ambos se preguntan se aínda existe a posibilidade de comezar de novo. Unha historia de amor, segundas oportunidades e emocións que chegará este domingo á Alameda da Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario