Xornada de voluntariado ambiental no Monte Santa Trega
• Para a eliminación de flora exótica invasora e acacias
Infogauda/A Guarda
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda, en colaboración coa asociación A Jalleira, organiza o sábado, 12 de setembro de 2026 unha Xornada de voluntariado ambiental centrada na eliminación de acacias no Monte Santa Trega.
A actividade comezará ás 16:00 h no Parque do Cancelón e terá unha duración aproximada de 3 horas. O obxectivo principal desta iniciativa é protexer e recuperar a biodiversidade autóctona do monte fronte ao avance das especies exóticas invasoras.
Durante a actividade darase prioridade ao uso de métodos mecánicos e, moi especialmente, a aplicación do descortizado (anelado), unha técnica clave e de gran interese para o control desta especie. O uso de fitocidas reservarase unicamente para actuacións selectivas e puntuais, en casos moi concretos nos que sexa estritamente necesario.
Estas metodoloxías veñen avaladas polas recomendacións dos relatores e relatoras da “I Xornada de xestión e control de acacia”, organizada pola nosa comunidade de montes o pasado mes de xuño.
Recoméndase ás persoas participantes acudir con luvas, roupa e calzado axeitados para o traballo no monte, así como con ferramentas manuais (machadas, serras ou tesoiras).
Por motivos de seguridade, pregarse non acudir con mascotas. Ao finalizar a xornada, a organización ofrecerá petiscos e bebidas para todos os asistentes. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 10 de setembro enviando un correo electrónico a montesdaguarda@gmail.com.

Ningún comentario:
Publicar un comentario