O CONCELLO DA GUARDA E A ASOCIACIÓN PIUEIRO HABILITAN NOVAS DATAS PARA AS SAÍDAS DE NAVEGACIÓN NO VOLANTEIRO PIUEIRO
• As novas xornadas serán o xoves, 3 e o sábado, 5 de setembro e permitirán recuperar as saídas adiadas polas condicións meteorolóxicas adversas
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro habilitaron novas datas para as saídas gratuítas de navegación a bordo do volanteiro Piueiro, despois de que varias das xornadas inicialmente previstas tiveran que ser adiadas debido ás condicións meteorolóxicas adversas.
As novas saídas terán lugar o xoves, día 3, e o sábado, día 5 de setembro, dando así continuidade a esta actividade que permite achegar á veciñanza e ás persoas visitantes a tradición mariñeira da Guarda e coñecer de primeira man esta embarcación tradicional.
As prazas son limitadas e a actividade é totalmente gratuíta, sendo necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo da Guarda, situada na praza do Reló. As inscricións poden realizarse de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30 horas, e permanecerán abertas ata completar as prazas dispoñibles.
Cada persoa poderá inscribir ata un máximo de catro participantes, agás no caso de unidades familiares. Por motivos de organización e seguridade, establécese unha idade mínima de 10 anos para participar na actividade.
O punto de encontro será no peirao do porto, nas escaleiras do Muelle Alto, 15 minutos antes da hora prevista para cada saída. Cada travesía terá unha duración aproximada de 45 minutos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario