24 de set. de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA CONMEMORÁ O DÍA MUNDIAL DAS AVES CUN ROTEIRO ORNITOLÓXICO POLO ESTEIRO DO MIÑO  

• A actividade terá lugar o domingo, 4 de outubro, ás 10:00 horas, e contará coa participación da axencia ambiental Biophilia  


Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda conmemorará o Día Mundial das Aves cun roteiro ornitolóxico polo Esteiro do Miño, protexido como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e espazo da Red Natura 2000.  

 A actividade celebrarase o domingo, 4 de outubro, ás 10:00 horas, e terá como punto de encontro o Observatorio de Aves do Esteiro do Miño. A iniciativa desenvolverase coa colaboración de Biophilia Axencia Ambiental e busca achegar á veciñanza e ás persoas participantes o valor natural deste espazo, así como favorecer o coñecemento e a conservación das aves e dos seus hábitats.  

 Ao longo do roteiro, as persoas participantes poderán coñecer diferentes especies de aves presentes no Esteiro do Miño e aprender sobre os seus hábitos, características e importancia dentro deste ecosistema.  

 Para participar será necesaria inscrición previa, que poderá realizarse a través do enderezo electrónico medioambiente@aguarda.es

 Como recomendacións para a actividade, aconséllase levar prismáticos, calzado cómodo, roupa de cores pouco chamativas, auga e gorra, elementos que facilitarán a observación das aves e o desenvolvemento do roteiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario