Carmen Manso ofrecerá unha conferencia sobre a catedral medieval de Santa María de Tui
• Será o vindeiro martes, 18 de agosto, ás 20 h no Espazo Sociocultural dentro do ciclo “Coñece o noso patrimonio”
Infogauda/Tui
O próximo martes, 18 de agosto, ás 20 horas, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela terá lugar a conferencia “La catedral medieval de Santa María de Tui” a cargo da investigadora Carmen Manso Porto. Esta actividade forma parte do ciclo “Coñece o noso patrimonio” que promove o Instituto de Estudios Tudenses este verán.
Nesta charla Carmen Manso analizará detalladamente as súas numerosas pescudas e traballos sobre a catedral tudense, centradas especialmente na arquitectura medieval da mesma, que corresponde cos períodos do románico e o gótico protagonistas das etapas construtivas da catedral de Tui. O templo celebra este ano o oitavo centenario da súa consagración polo bispo Estebo Egea o 30 de novembro de 1225.
A presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón, destaca que esta conferencia complementa as visitas guiadas á catedral tudense e a outros elementos patrimoniais tudenses que organiza anualmente o Instituto.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez Álvarez, sinala que esta visita guiada resulta todo un privilexio pois a historiadora Carmen Manso é unha das máximas especialistas na evolución artística da catedral e da propia cidade de Tui, temas sobre os que ten publicados diversos traballos de investigación. A concelleira tudense congratúlase polo éxito destas visitas guiadas que organiza o Instituto de Estudios Tudenses que teñen superado as previsións, testemuñando o interese de tudenses e visitantes polo coñecemento do legado patrimonial da nosa cidade.
Este ciclo finalizará o seguinte martes, 25 de agosto, cunha nova visita guiada titulada: “De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da catedral”, por José Ramón Fernández Fernández, historiador. Esta actividade comezará na propia igrexa parroquial de San Francisco ás 21.00 horas.
Carmen Manso Porto
Doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid. Profesora asociada de Historia da arte na Universidade Autónoma de Madrid (1991- 1992).
Académica correspondente da Real Academia da Historia (2001); da Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” (2004); da Academia Portuguesa da Historia (2007); e Numeraria da Academia Auriense-Mindoniense de San Rosendo (2019). Membro Numerario do Instituto de Estudos Madrileños (2004 e do Instituto de Estudios Tudenses (2018). Membro da Confraría Internacional de Investigadores (2008).
Na actualidade e desde 1986, é a responsable da Sección de Cartografía e Artes Gráficas da Biblioteca da Real Academia da Historia e foi presidenta do Grupo de Traballo de Cartotecas Públicas Hispano-Lusas (IBERCARTO) (2012-2016).
Autora de varios libros e numerosos artigos de investigación sobre cartografía antiga e arte e historia medieval e moderna, centrados especialmente en Galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario