A Xunta de Galicia realiza por primeira vez un programa de seguimento de bolboretas nocturnas no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia
• A illa de Cortegada, na que se está a realizar este estudo, rexistrou na súa primeira noite preto de 130 exemplares destas avelaíñas de máis de 40 taxóns distintos
Infogauda/Galicia
A Xunta de Galicia vén de comezar por primeira vez un programa de seguimento de bolboretas nocturnas -avelaíñas- na illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Na primeira mostraxe, levada a cabo a inicios deste verán, rexistráronse preto de 130 exemplares de máis de 40 taxóns distintos nunha soa noite.
No marco desta iniciativa pioneira no Parque Nacional conviven dous obxectivos claros. Por unha banda, preténdese coñecer a comunidade de avelaíñas que habita a illa e, por outra, construír unha serie temporal de datos para avaliar o estado das súas poboacións.
Nesta liña, o traballo faise con dúas trampas de funil con luz led e batería autónoma, que teñen que estar separadas entre si máis de 50 metros e menos de 1 quilómetro, e estar situadas a máis de 10 metros de obstáculos, de fontes de luz artificial e da auga. Así, instalouse unha na zona sur da illa, nun piñeiral aberto, e outra na zona centro, nun bosque mixto de loureiro, carballo e piñeiro, para cubrir na mostraxe os hábitats máis representativos do espazo natural.
Nun primeiro rexistro contabilizáronse un total de 127 exemplares de avelaíñas de máis de 40 taxóns diferentes. Por zonas, na trampa sur rexistráronse 57 exemplares de 30 taxóns, e na centro, 70 de 26. Destes taxóns, 11 apareceron simultaneamente nas dúas trampas, un solapamento baixo que reflicte a diferenza de hábitat entre as distintas localizacións.
No que respecta ao funcionamento das trampas, estas colócanse ao solpor e ábrense ao amencer, cando a subida da temperatura activa as bolboretas. Para levar a cabo as mostraxes, que se realizarán nunha frecuencia de entre 15 e 30 días de marzo a novembro, son necesarias unhas condicións exixentes: a temperatura mínima ten que ser de 12 graos centígrados, ten que haber pouco ou ningún vento e non chover durante toda a noite. Ademais, en cada visita rexístranse a temperatura, a velocidade do vento, a porcentaxe de nubosidade e fase lunar.
Cómpre lembrar que a illa de Cortegada leva unha década contando bolboretas co programa Butterfly Monitoring Scheme (BMS), que se iniciou en xullo de 2015 e que leva contabilizado preto de 2.665 exemplares e 31 especies diferentes. Con isto, a lista de bolboretas diúrnas coñecidas da illa elevouse a 35.
Neste senso, das avelaíñas só se tiñan algúns rexistros anotados de paso durante eses censos, a pesar de que son un dos grandes gremios de polinizadores nocturnos e superan amplamente as bolboretas diúrnas. Así, non se sacrificará a ningún exemplar rexistrado neste novo programa, e todos os rexistro se incorporarán á eBMS, a base de datos europea de lepidópteros.
Grupo de interese para a conservación da natureza
Os lepidópteros son un grupo de interese para a conservación da natureza e do que existen un gran número de especies, adaptadas a diversos hábitats e condicións ambientais. Moitas delas atravesan na actualidade un momento difícil en canto á súa conservación, polo que accións de rexistro coma esta resultan idóneas.
Ademais, as bolboretas e avelaíñas son moi bos indicadores medioambientais, pola súa capacidade para informar do estado de conservación dos ecosistemas, debido á súa gran diversidade e dependencia dunhas determinadas condicións ecolóxicas. O mesmo acontece co seu ciclo vital, que, composto por fases de ovo, eiruga, crisálida e bolboreta adulta, é moi dependente da meteoroloxía e da presenza e abundancia das plantas das que se alimentan. Polo tanto, as variacións que se producen na abundancia destas especies reflicten á súa vez cambios e alteracións medioambientais.


Ningún comentario:
Publicar un comentario