A visita “De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da Catedral” pecha o ciclo Coñece o noso patrimonio
• Será o próximo martes, 25 ás 21:00 horas, na igrexa de San Francisco
Infogauda/Tui
“De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da Catedral” é o título da derradeira visita programada no ciclo “Coñece o noso patrimonio”, organizado polo Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui. Esta programación, que comezou no mes de xullo, está a contar cunha gran asistencia.
O tudense José Ramón Fernández Fernández, historiador da arte, será o encargado de guiar a visita que comezará ás 21:00 horas diante do propio templo. Durante a visita as persoas participantes coñecerán os avatares históricos de San Francisco, un deste templo que formaba parte do conxunto conventual dos franciscanos, asentados en Tui dende 1642. As obras do convento comezan en 1682, mentres que a igrexa estaría concluída en 1723 e dotada aos poucos anos dun retablo maior de gran envergadura e espectacularidade.
José Ramón Fernández Fernández, membro do Instituto de Estudios Tudenses, está especializado no estudo da arte barroca no ámbito tudense.
Este nova edición do ciclo de visitas “Coñece o noso patrimonio” ten resultado altamente exitoso cunha elevada participación de público que para a presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón, evidencia o interese da cidadanía por afondar no coñecemento da riqueza patrimonial tudense.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, agradece ao Instituto de Estudios Tudenses esta iniciativa de divulgación patrimonial e expresa a satisfacción do Concello polo interese suscitado por este ciclo de visitas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario