BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés exhíbese ante o campión de Liga (25-24)
• O equipo baixomiñoto meteuse este venres na final do Memorial Gilsanz de Porriño aplacando a un Rocasa Gran Canaria que lle fixo sufrir
• As de Prades ofreceron unha exhibición defensiva impoñéndose desde a primeira parte, aínda que deberon remontar distancias mínimas das canarias cara ao final do encontro para gañar sobre a bucina
• Este sábado xogará a final (20.00 h) ante o Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño, gañador da segunda semifinal desta tarde entre Oviedo e Porriño
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés suma unha nova alegría de pretemporada, aínda que con moito esforzo e carácter necesarios. O equipo baixomiñoto saíu vencedor este venres da primeira semifinal do torneo amigable Memorial Gilsanz do Porriño, na que tivo que apertar para recuperar a súa vantaxe ante un Rocasa Gran Canaria que o puxo en moitos apretos na segunda parte.
Comezaron liderando as de José Ignacio Prades, que saíron á pista dispostas a resarcirse da dobre decepción dunha semana atrás en Villacelama. Un forte 6-0 defensivo no que se luciron Noelia Solla e Blazka Hauptman pronto fixo suar ao campión de Liga, abrindo oco progresivamente ata chegar ao descanso coa renda máxima de seis goles (13-8, min. 30). Aínda que tampouco se despegaron as de Dejan Ojeda, o certo é que ata o momento non lograran achegarse a menos de dous acertos no marcador, misión na que se enrocaron á volta dos vestiarios.
E durante boa parte da segunda metade, conseguírono. O ataque baixomiñoto comezou a ver os paus e a verse anulado por unha barreira canaria reconfigurada, dando espazo ao seu rival para recuperar terreo. Abriu o período un perigoso parcial 2-3, e as sospeitas confirmáronse co 1-4 demoledor que o seguiu (16-15, min. 40). Aguantou o Rocasa a distancia mínima sen baixar os brazos, enfocado no obxectivo remontada que materializou co empate do minuto 48, seguido pola súa primeira dianteira inmediatamente despois (19-20, min. 49). Nuns poucos compases o Atlético Guardés perdera todo andar ata entón e debía afrontar agora un esixente epílogo se quería meterse na final do torneo.
Non puxo as cousas sinxelas o campión ligueiro, que máis dun parcial de cinco minutos despois continuaba liderando e por maior distancia (21-23, min. 55). Foi entón cando José Ignacio Prades solicitou un tempo morto que foi clave para as súas, reactivando un ataque que materializou nas dúas oportunidades que tivo Aintzane García desde o extremo para recuperar as táboas e deixar aberto o peche do partido (23-23, min. 57). A lousa do de Petrer volveu ser clave nos pelexados últimos compases, dándolle ao Atlético Guardés un 2-1 que permitía ao Rocasa apenas uns segundos para forzar o desempate en sete metros. A última das propostas ofensivas exitosas do encontro materializouna Noelia Solla, brillante durante os 60 minutos, obrigando a Ojeda a parar o tempo para planificar a súa última oportunidade (25-24, min. 59). Aínda que o intento de gol canario prometía, fallou a extremo visitante no último momento, cedendo ao equipo baixomiñoto a vitoria e a praza finalista con esa renda mínima labrada con valioso traballo de preparación. (25-24, final).
O desenlace do torneo, este sábado ás 20.00 horas entre o Atlético Guardés e o gañador da semifinal que se disputaba instantes despois ente Lobas Alimerka Oviedo e as anfitrión Conservas Orbe Zendal BM Porriño, cuxo resultado final foi Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño 25 - Lobas Alimerka Oviedo 18.
Dese xeito o Atlético Guardés enfrontarase ao Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño.
Club Balonmán Atlético Guardés (13+8): Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Silvia Leiras, Blazka Hauptman (4), Aintzane García (2), Cecilia Cacheda, María Palomo (1), Rosane Serrano (2), Elena Martínez (6), Cristina Cifuentes, Carme Castro (3), Daniela García (2), Nerea Gil (1), Ania Ramos (2), Noelia Solla (2) e Ana Marín (p.).
Rocasa Gran Canaria (8+16): Iria Ranz, Almudena Rodríguez (3), Alison Peña, Ruth Artiles, Uxue Morentín (1), Lulú Guerra (p.), Itahisa Castillo (2), Ana Belén Palomino (p.), Irene Botella (2), Francieli Sothe, María Zaldua (3), Yassira Ramírez (2), Fernanda Lima (2), Ana Medina, Eider Poles (3), Ángela Torres e Alba Tort (6).
Marcador cada cinco minutos: 3-2, 6-4, 8-5, 10-7, 11-8, 13-8, 15-11, 16-15, 19-17, 19-20, 21-22, 25-24.
Árbitros: Alberto Rodríguez e Ainhoa Rodríguez. Amoestaron con tarxeta amarela á local Blazka Hauptman e ao visitante Deixan Ojeda (adestrador) e excluíron con dous minutos á visitante Ana Medina.
Incidencias: Encontro de semifinal do III torneo Memorial Gilsanz, disputado no pavillón municipal do Porriño.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario