O BNG denuncia que a Deputación só executou o 10% do seu orzamento de Memoria Histórica deste ano
• María Ortega critica que o PP só organizou unhas xornadas sobre o Estatuto e non destinou ningunha partida a recoñecer ás vítimas do franquismo
• Lamenta a “política de fachada” tralo desmantelamento da área de Memoria e a ausencia de diálogo cos colectivos memorialistas
Infogauda/Pontevedra
O BNG provincial vén de denunciar o abandono da política de Memoria Histórica por parte do goberno do PP na Deputación de Pontevedra, que neste exercicio apenas leva executado arredor do 10% dos 50.000 euros consignados para esta finalidade. A deputada nacionalista María Ortega, responsable de Memoria no mandato 2019-2023, subliña que a política memorialista é practicamente inexistente “e o que executa non está dirixido a traballar coas asociacións nin a desenvolver unha política de recoñecemento das vítimas do franquismo”: o único gasto realizado neste 2026 foi de 5.200 euros nunhas xornadas sobre o Estatuto de Autonomía “que están afastadas do lema de ‘verdade, xustiza e reparación’ que guiaba a política anterior”.
A nacionalista explica que estes datos de execución orzamentaria foron obtidos tras realizar un requirimento formal á Deputación sobre o estado do Departamento de Memoria, o persoal adscrito, o orzamento destinado e gastado, as actividades realizadas e as previstas. Os datos, segundo o BNG, evidencian o desmantelamento da política memorialista reducindo un 67% o orzamento previo con respecto aos anos do bipartito, nin sequera utilizando os fondos para o obxectivo que foron concibidos.
Ortega lembra que anteriormente existía unha interlocución estable co movemento memorialista e un programa específico, ‘O Pasado Por Vir’, que permitía desenvolver ao longo do ano unha programación ampla en diferentes concellos da provincia, con centos de actividades, actos, encontros, exposicións, presentacións de libros, publicacións e iniciativas de recuperación da memoria democrática, en colaboración con asociacións, persoas investigadoras, entidades culturais e colectivos.
A deputada do BNG subliña que o desmantelamento é tanto orzamentario e de organización de actividades como tamén administrativo e de persoal. Subliña que o anterior programa de memoria contaba cunha persoa especializada na materia e outra con funcións administrativas. Ademais, foran reasignadas funcións a un funcionario de carreira, nomeándoo como Xefe de Negociado de Memoria. Na actualidade, segundo os datos obtidos polo BNG, ese funcionario retomou outros labores, mentres que o resto do persoal que daba soporte ao programa foi eliminado.
“Resulta lamentable. Por moito que queiran aparentar que si fan traballo en Memoria, non hai movemento nin coas asociacións nin tampouco administrativo, de axudas nin actividades, que foron eliminadas de maneira fulminante. Non hai nada por moito que queiran aparentar. O lavado de cara que pretende o PP na Deputación e o señor Domínguez esvaécese por si só. Aínda que traian o cadro de ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao ao Museo. Na política de memoria só hai fachada”, afirma Ortega.
O BNG quixo facer públicos estes feitos precisamente na véspera do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, unha data que o nacionalismo e o movemento memorialista levan décadas reivindicando e que o PP continúa negándose a institucionalizar oficialmente. Ortega considera que existe unha contradición evidente entre a escenificación arredor da chegada ao Museo de Pontevedra de ‘A derradeira leición do mestre de Castelao’ e a ausencia dunha política pública de memoria por parte do PP na Deputación e a negativa a institucionalizar a xornada do Partido Popular no Parlamento galego.
“Queren saír na foto xunto ao cadro, pero rexeitan asumir aquilo que representa. É unha pura operación de imaxe”, sinala Ortega. Para a nacionalista, “detrás da fachada non hai política de memoria”, insiste, sinalando que de haber representantes do PP da Deputación nos actos en homenaxe a Alexandre Bóveda o vindeiro luns 17 “só estarán para engadir outra foto no seu álbum da hipocrisía”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario