14 de ago. de 2026

PONTEVEDRA

Operación Especial do 15 de agosto  

Abel Losada chama á prudencia nos desprazamentos polas estradas da provincia durante a ponte do 15 de agosto 

 A DXT prevé 5,6 millóns de desprazamentos en toda España entre hoxe venres e o domingo 

 Tráfico intensificará os controis de velocidade, alcol e drogas durante estes días 


Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra
Foto: SdoG

Infogauda/Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, fixo hoxe un chamamento á prudencia nos desprazamentos polas estradas da provincia coincidindo coa Operación Especial de Tráfico do 15 de agosto, que a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha este venres ás 15.00 horas e que se prolongará ata as 24.00 horas do domingo 16. 

 A DXT prevé 5.610.000 desprazamentos de longo e curto percorrido no conxunto de España durante estes tres días, nos que coinciden os movementos de saída e retorno polo cambio de quincena cos desprazamentos cara ás zonas de costa, praias, segundas residencias e numerosas localidades que celebran as súas festas patronais. 

 Losada incidiu especialmente na necesidade de extremar as precaucións nos desprazamentos curtos e por estradas coñecidas, habituais durante estas datas na provincia. «Estes días multiplicamos os desprazamentos para acudir ás praias, ás festas ou visitar outras localidades e precisamente nos traxectos máis cotiáns é onde podemos caer nun exceso de confianza. Ningún percorrido, por curto que sexa, está exento de risco», advertiu. 

 O subdelegado lembrou ademais que a operación se desenvolve tras unha fin de semana especialmente tráxica nas estradas españolas, na que faleceron 19 persoas en sinistros de tráfico. «A prioridade é que todas as persoas que estes días saian á estrada cheguen ao seu destino e regresen ás súas casas. Non podemos permitir que unha imprudencia, o exceso de velocidade ou o consumo de alcol ou drogas converta uns días de descanso e celebración nunha traxedia», sinalou. 

 Durante a Operación Especial intensificaranse as medidas preventivas de control de velocidade, alcoholemia e drogas por parte dos efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. A DXT contará, ademais, coa máxima dispoñibilidade dos seus medios humanos e técnicos, entre eles radares fixos e móbiles, cámaras e furgonetas camufladas para controlar o uso do teléfono móbil e do cinto de seguridade, helicópteros, drons e vehículos e motocicletas sen rotular. 

 As previsións de Tráfico apuntan a intensidades elevadas desde a tarde deste venres, especialmente entre as 16.00 e as 23.00 horas. O sábado 15 continuará o tráfico intenso desde primeiras horas da mañá, particularmente nos itinerarios cara ás zonas costeiras e praias e nos desprazamentos relacionados coas festas. O domingo, os principais problemas de circulación poderán concentrarse no retorno, entre as 18.00 e as 23.00 horas. 

 Abel Losada pediu finalmente «planificar os desprazamentos, evitar na medida do posible as horas de maior intensidade, respectar os límites de velocidade, utilizar sempre o cinto de seguridade e, sobre todo, lembrar que ao volante o consumo de alcol e drogas debe ser cero».

Ningún comentario:

Publicar un comentario