6 de ago. de 2026

PONTEVEDRA

FEMUPO pon en marcha “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, un proxecto itinerante para visibilizar o talento feminino galego 

•   A iniciativa percorrerá dez concellos da provincia de Pontevedra vinculados ao Camiño de Santiago mediante unha exposición itinerante, talleres participativos e contidos audiovisuais 


Infogauda/Pontevedra 

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) pon en marcha o proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, unha iniciativa de dinamización xacobea de carácter cultural, educativo e social orientada a visibilizar o talento feminino galego e achegar á cidadanía as traxectorias das mulleres recoñecidas nas cinco edicións dos Premios Mulleres FEMUPO, celebradas entre 2022 e 2026. 

 O proxecto que está impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo, desenvolverase en dez concellos da provincia de Pontevedra vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa, creando unha experiencia participativa, itinerante e transformadora arredor de mulleres que abriron camiño en ámbitos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración pública e o asociacionismo. 

 En cada concello desenvolverase unha programación dunha semana de duración que combinará a instalación dunha exposición itinerante, a realización de dous talleres participativos adaptados ao territorio e o acceso a contidos dixitais mediante códigos QR, que permitirán coñecer as historias das mulleres premiadas. En total, o programa contempla a celebración de vinte talleres. 

 As actividades estarán dirixidas á poboación en xeral, con especial atención á mocidade, ás persoas maiores e aos colectivos en situación de vulnerabilidade. Para iso, FEMUPO colaborará con centros educativos, asociacións de mulleres, entidades sociais, espazos municipais e organizacións que traballan con persoas con discapacidade ou en risco de exclusión. Os talleres empregarán unha metodoloxía accesible, dinámica e participativa, adaptada ás características de cada grupo. 

 Un dos eixes centrais de cada encontro será a identificación de mulleres referentes do propio concello, favorecendo que as persoas participantes recoñezan o talento feminino existente na súa contorna máis próxima. Deste xeito, as traxectorias das premiadas servirán como punto de partida para reflexionar sobre igualdade de oportunidades, liderado, superación de estereotipos e participación das mulleres no desenvolvemento social, cultural e económico do territorio. 

 As protagonistas do proxecto son mulleres e entidades galegas con traxectorias consolidadas, recoñecidas pola súa excelencia profesional, polo seu compromiso coa igualdade e pola súa contribución á comunidade. Algunhas das premiadas participarán directamente nos talleres, compartindo coa cidadanía as súas experiencias persoais e profesionais. O proxecto conecta estas historias cos valores propios do Camiño de Santiago: o esforzo, a superación, a convivencia, a diversidade, a hospitalidade e o respecto polo territorio. O concepto de “facer camiño” convértese así nunha metáfora das traxectorias vitais de mulleres que romperon barreiras e abriron novas posibilidades para as xeracións futuras. 

 Con “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, a Federación dá continuidade ao traballo iniciado cos Premios Mulleres FEMUPO e transforma o recoñecemento ás premiadas nunha experiencia aberta á cidadanía, capaz de conectar igualdade, educación, cultura, participación social e territorio. “Porque cada paso que damos xuntas constrúe un camiño máis igualitario”, afirma Raquel Touriño, presidenta de Femupo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario