BALONMÁN FEMININO
Cecilia Cacheda e Carme Castro, novas capitás do Guardés
• As dúas galegas recollen o testemuño de María Sancha e asumen o liderado compartido dun cadro de persoal no que seguen a gañar peso
• A de Lalín sumará esta tempada o seu cuarto ano no equipo baixomiñoto, sendo unha das veteranas, mentres a chapelá vai a polo terceiro
Cecilia Cacheda e Carme Castro celebrando coa bandeira de Galicia, que o equipo Mecalia Atlético Guardés, lograse a Copa Europea da EHF, o domingo, 24 de maio de 2026
Foto: SportCoeco
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés xa coñece as cabezas do seu novo cadro de persoal. Trala saída de María Sancha ao termo do pasado curso, as dúas galegas Cecilia Cacheda e Carme Castro asumen a capitanía con ganas de facerse notar nun proxecto no que cada vez teñen máis peso a tódolos niveis.
Despois dunha única tempada de capitanía individual a cargo de María Sancha, a saída da palentina do Club deixaba ao cadro de persoal de José Ignacio Prades sen lideresa. Tralas primeiras semanas de pretempada, o novo Atlético Guardés xa coñece as súas cabezas e retoma o modelo de liderado compartido, con Cecilia Cacheda e Carme Castro repartíndose a responsabilidade de capitás nun grupo no que se erguen como figuras veteranas e representante da identidade do equipo, nun momento no que o equipo conta con catro xogadoras da terra.
Este 2026 comeza a cuarta tempada da central lalinense defendendo as cores guardesas, un ano máis á fronte dun xogo no que segue a confirmarse como peza imprescindible e piar de certas decisións fundamentais. Afincada na Guarda e leda de poder facer o seu o máis preto posible da súa casa, Cacheda aposta por esta oportunidade con ganas de inaugurar unha nova etapa nun Club que amosa con esta decisión que a confianza depositada na relación é recíproca.
Pola súa parte, para Castro este será o terceiro ano na vila baixomiñota, tamén moi preto do seu fogar e familia en Chapela pero configurándose como outra xogadora insigne do proxecto. Aínda que non é tan veterana, a de Redondela demostrou unha grande capacidade de crecemento e adaptación nestes anos da man da entidade, ademais de ser un apoio importante para as súas compañeiras. É por iso que o novo corpo técnico confiou na relación entre as dúas galegas para outorgar ao conxunto a forza colectiva que precisa e continuar a facer grandes cousas xuntas.
Cecilia Cacheda: “Que conten contigo para isto e que che chegue a confianza do Club sempre é algo bonito”
A nova capitá do Atlético Guardés, Cecilia Cacheda, explica que o seu novo cargo é, por unha banda, “un orgullo, coma sempre o é representar ao equipo do xeito en que sexa, e máis aínda, deste; é algo incrible”, e engade que “sempre é algo bonito que conten contigo para isto e que che chegue a confianza do Club”.
Por outra banda, con todo, a central mírao coma “unha responsabilidade” na cal “o único que espero é poder axudar ás miñas compañeiras da mellor maneira posible, intentar poñer as cousas doadas a todo o mundo e facer o que me pidan da mellor forma en que se poida”, conta, deixando claro o seu compromiso co posto.
A lalinense quixo ter unhas palabras con Carme Castro, coa que compartirá capitanía, pois “sendo as dúas galegas, para min é un privilexio”. Por último, Ceci agradeceu “ao Club e ao corpo técnico a oportunidade e a responsabilidade posta en nós. Esperamos estar á altura e poder devolverlles esa confianza”.
Carme Castro: “Poder representar a este equipo, a esta vila e a esta afección é un sentimento difícil de expresar”
Carme Castro valora igualmente de xeito moi positivo a súa capitanía, que lle supón “un auténtico orgullo”, así como “unha responsabilidade que afronto con moitísimas ganas e ilusión”. Para a estremo, este cargo ten un significado fundamental, pois “poder representar a este equipo, a esta vila e a esta afección é algo moi especial, un sentimento difícil de expresar”.
A chapelá coincide coa súa compañeira no valioso da parella que forman, xa que “sendo galegas, creo que ten un significado aínda máis bonito”, afirma, outro dos motivos polos que agradece “moitísimo” a confianza depositada nelas. Fóra das pistas, Castro entende que a situación non é a mellor, e confirma que aínda que o plantel coñece as dificultades que a entidade vén atravesando, “imos poñer todo da nosa parte para competir ao máximo nivel e seguir a facer historia con este escudo”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario