26 de ago. de 2026

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia sinala o proxecto Couto Florido como exemplo dunha política ambiental útil que protexe a natureza, mellora a paisaxe e coida ás persoas e aldeas 

 Esta iniciativa é un exemplo de colaboración público-privada para revitalizar o rural en materia de paisaxe, flora autóctona e dinamización social 


A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visita as obras realizadas en colaboración cos veciños na aldea do Couto, en Ponteceso 
Foto: XG

Infogauda/Ponteceso (A Coruña)

 A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, sinala o Couto Florido como exemplo dunha política ambiental útil que protexe a natureza, mellora a paisaxe, coida as persoas e aposta pola vida e o futuro no rural.  

 Acompañada por diversas autoridades, a responsable autonómica participou hoxe na aldea do Couto nun percorrido por diferentes espazos do lugar para comprobar in situ os resultados das actuacións realizadas durante este mes de agosto a través da segunda edición da iniciativa de recuperación e dinamización do rural.  

 Ángeles Vázquez destacou que as actuacións ambientais, desenvolvidas coa participación da veciñanza deste lugar e das persoas voluntarias, serven para amosar ao resto de Galicia que revivir as zonas do rural é posible contando coas experiencias da xente. A conselleira apelou a sentir orgullo pola implicación cidadá e de distintas entidades para querer reunirse, coidar o lugar no que viven e desenvolver diferentes actividades paisaxísticas, culturais e sociais.  

 O proxecto Couto Florido conta coa participación do Instituto de Estudos do Territorio (IET), a través da achega de 18.000 euros, e da Fundación Eduardo Pondal, con sede na propia aldea. A implicación institucional da Xunta de Galicia enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega da Paisaxe 2030, ademais da posta en valor do patrimonio cultural, natural e paisaxístico e da restauración ecolóxica con solucións baseadas na natureza.  

 Para recuperar e mellorar a paisaxe da aldea do Couto, o proxecto impulsou a restauración ecolóxica e cultural do espazo público, implicando activamente á veciñanza no deseño e execución das intervencións. En concreto, a iniciativa aposta por un modelo sostible baseado en solucións naturais e culturais, reforzando a biodiversidade e a identidade local.  

Intervencións do proxecto 

 A aldea do Couto recibe desde o 7 de agosto a ducias de veciños, nenos, nenas, voluntarios e persoas que veñen desde distintos puntos do país para colaborar nas intervencións que se levan a cabo nesta segunda edición da iniciativa.  

 Neste caso, os traballos consisten na colocación dunha lona ao carón da estrada para eliminar o impacto visual na aldea, no pintado exterior da Casa dos Veciños, no branqueado dos muros do cemiterio parroquial e no pintado de portais e portalóns de aceiro galvanizado en cores tradicionais.  

 A maiores disto, renóvanse as macetas de barro e xardineiras de madeira, elimínase o peche superior de arame dos muros da praza da aleda, recupéranse as placas artesanais de barro cocido dos bancos e plántanse máis de 300 árbores e plantas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario