22 de ago. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés resiste a batalla e lévase o Memorial Gilsanz (20-23) 

O equipo baixomiñoto resistiu o pulso do Porriño este sábado na final do torneo amigable Memorial Gilsanz  

As de Prades comezaron liderando de xeito indiscutible grazas a unha defensa impoluta, pero o anfitrión igualou a intensidade no ecuador do partido. Aínda con dificultades, os 20 minutos finais volveron ser guardeses 

O vindeiro domingo, novo derbi e última cita da pretemporada coa Supercopa de Galicia en Tui 


Blazka Hauptman en posesión da bóla, tentando enviala ás redes da portería do Porriño
Bera Fotografía


Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés lévase o primeiro posto do III Memorial Gilsanz. As de José Ignacio Prades aguantaron o pulso por un Porriño anfitrión que soubo levarse as cousas ao seu terreo para igualar a contenda ao ecuador despois dunha primeira parte con acento baixomiñoto; para finalizar cun terzo final forte e equilibrado que lles permitiu marcar a diferenza cara á vitoria. 

 O Atlético Guardés saíu á pista ofrecendo unha defensa compacta, presidida polo dobre pivote de Noelia Solla e María Palomo co apoio de Blazka Hauptman. A intensidade no 6-0 valeulle frear ao anfitrión durante moitos minutos, frustrando ata o pasivo todas as súas propostas ofensivas e deixándolle sen goles, salvo polo inicial, ata case o ecuador da primeira metade (2-4, min. 13). Chegou a máis a renda baixomiñota, aínda que o Porriño comezou a ser capaz de responder e viuse beneficiado pola expulsión por vermella directa de Silvia Leiras (6-9, min. 26) para recortar distancias de cara ao descanso (8-10, min. 30). 

 Foi ao regreso dos vestiarios cando se confirmou a recuperación local, pois as de Isma Martínez comezaron o período cun 3-1 que marcaba o primeiro empate de todo o partido (11-11, min. 35). As táboas continuaban varios compases despois, a cargo de varias perdas de balón en ataque seguidas das da Guarda.  

 Non foi ata que Elena Martínez recuperou o pulso cun 0-3 completamente ao seu cargo que volvía abrir un oco interesante para as súas (13-16, min. 42). Dúas paradas de Ana Marín contribuían á misión e un novo gol guardés levaba a renda a catro para afrontar os quince minutos finais nunha tendencia, a poder ser, crecente. 

 E aínda que non chegou a despexarse, xa non foi capaz de volver reiniciar o marcador o anfitrión, que se viu de novo significativamente por baixo a falta de cinco minutos para o final (18-21, min. 55). Isma Martínez solicitou parar o tempo para planificar o parcial decisivo, e as súas seguiron a comanda, pero o rival miñoto non o puxo nada sinxelo.  

 Unha parada de Sabina Mínguez e uns sete metros de Rosane Serrano abrían máis oco, unha perda local contribuía á faena. Elena Martínez marcaba o 18-23 e apareceu entón Isa Ferrarin para dar ás ás súas, que aínda llas arranxaron para achegar un 2-0 final que nada tiña que facer contra a vitoria guardesa (20-23, final). O Atlét4ico Guardés finaliza así o III Memorial Gilsanz en primeira posición e prepárase xa para o peche de pretemporada, que será a próxima semana cun terceiro e novo Derbi As Nosas, a clásica Supercopa de Galicia (domingo 30 de agosto, 19.00 horas, Tui).   

Conservas Orbe Zendal BM Porriño (8+12): Adriana Mallo, Alicia Campo (1), Isa Ferrarin (p.), Julia Pestana, Viktoria Zsembery (3), Bruna Dias (4), Adriana Rial, Carmen Prelchi (1), María Rodríguez (2), Delfina Ojea, Ugazi Manterola (5), Andrea Sáez (4). 

Club Balonmán Atlético Guardés (10+13): Sabina Mínguez (p.), África Sempere (1), Silvia Leiras, Blazka Hauptman, Aintzane García (2), Cecilia Cacheda, María Palomo (3) (1), Rosane Serrano (3), Elena Martínez (9), Cristina Cifuentes, Carme Castro, Daniela García, Nerea Gil (3), Ania Ramos (1), Noelia Solla (1) e Ana Marín (p.). 

Marcador cada cinco minutos: 1-3, 1-4, 2-6, 3-8, 6-9, 8-10 (descanso), 11-11, 13-13 13-16, 16-18, 18-20, 20-23. 

Árbitros: Martín Rodríguez e Diego Rivera. Amoestaron con tarxeta amarela aos visitantes María Palomo e José Ignacio Prades (adestrador) e excluíron con dous minutos ás locais Julia Pestana e Viktoria Zsembery e ás visitantes María Palomo, Noelia Solla (2), Blazka Hauptman e Carme Castro. Expulsaron con vermella directa á visitante Silvia Leiras (min. 26). 

Incidencias: Final do III torneo Memorial Gilsanz, disputada no pavillón municipal do Porriño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario