BALONMÁN FEMININO
ORPAGU suma o seu noveno ano apoiando ao Atlético Guardés
• A entidade baixomiñota e a empresa guardesa renovaron na mañá deste luns, o seu acordo de patrocinio, que se remonta ao ano 2017
• O presidente da Organización de Palangreiros Guardeses, Joaquín Cadilla, e a vicepresidenta da Xunta Xestora do Club, Patricia Vicente, escenificaron a sinatura dun novo convenio que aposta pola continuidade do proxecto despois de meses de dificultades
Redacción Deportes/A Guarda
O Club Balonmán Atlético Guardés e a Organización de Palangreiros Guardeses camiñan da man un ano máis. Este luns pola mañá, ambas entidades asinaron a renovación do seu convenio de patrocinio na sede da empresa pesqueira, nun acto ao que asistiron o seu presidente, Joaquín Cadilla, o seu vicepresidente, Antolín Verde, e a súa xerente, Juana María Parada; así como a vicepresidenta, a secretaria e a tesoureira do club baixomiñoto, xunto co corpo técnico e o cadro de persoal do equipo de División de Honra desta tempada.
A relación entre ambas entidades remóntase ao ano 2017, polo que culminará ao termo da actual tempada 2026/2027 un total de nove anos de éxitos. Naquel momento, a organización pesqueira sumábase con orgullo ao barco dun Atlético Guardés que acababa de ser campión de Liga, e case unha década despois mantén ese compromiso co mesmo equipo que volveu facer historia proclamándose campión de Europa.
Así o explicou Joaquín Cadilla Castro, presidente de ORPAGU e un dos asinantes do acordo, que deu as grazas e os parabéns a tódalas xogadoras polo papel que terán a honra de representar este ano, ao tempo que lles trasladaba a súa tranquilidade e apoio para a continuidade do proxecto, ao que considera un referente do deporte feminino a nivel estatal. Por último, o presidente animounas a seguir a loitar, algo imprescindible tanto no deporte coma na mar, desexándolles moita sorte para o día a día desta nova tempada. Por parte da empresa guardesa estiveron tamén presentes o vicepresidente, Antolín Verde Alonso, e a súa xerente, Juana María Parada Guinaldo, os que tamén dedicaron unhas palabras de agradecemento e azos ao Club polo que un ano máis seguen a apostar.
En representación do equipo baixomiñoto rubricou o patrocinio a nova vicepresidenta da súa Xunta Xestora, Patricia Vicente Baz, acompañada pola secretaria, Olga María Sobrino Fernández, e a tesoureira, Gema Rodríguez Pacheco. As tres manifestaron o seu máximo agradecemento polo seu apoio incondicional durante todos estes anos, e cuxa renovación supón unha grande nova despois dun mes moi inestable a nivel organizativo para a entidade. Tamén interviñeron como membros do ámbito deportivo a capitá do equipo de División de Honra, Cecilia Cacheda, e o adestrador, José Ignacio Prades, deixando claro que sen esta aportación non tería sido posible levar ao Club ao nivel deportivo que pode defender actualmente.
Dende o ano 2017, este patrocinio foi moi positivo para ambas partes, supoñendo unha unión de forzas entre dúas entidades que levan o nome da Guarda alén das súas fronteiras. O primeiro campión de Europa galego e a frota de palangre máis importante do continente seguen a apostar por un futuro xuntos e por un deporte local unido á súa comunidade e á súa xente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario