17 de ago. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN 

O Atlético Guardés presentarase en sociedade 

Este xoves, 20 de agosto ás 21.00 horas, o pavillón da Sangriña acollerá a habitual presentación dos equipos do Club Balonmán Atlético Guardés 

No acto farase balance da pasada tempada e do momento actual do Club, alén de coñecerse todos os detalles desta singradura 2026/2027 


Cadro de persoal, deportivo e técnico, do Atlético Guardés 2026/2027
Foto: CBAG

Redacción Deportes/A Guarda

 O Club Balonmán Atlético Guardés presentarase en sociedade un ano máis. Este xoves, 20 de agosto ás 21.00 horas, o pavillón da Sangriña acollerá a tradicional presentación do primeiro equipo e a base do club baixomiñoto ante a súa afección e a vila de A Guarda, nun acto onde se detallarán todas as novidades da tempada que comezará a seguinte semana. 

 O evento, que este ano cambia a súa habitual localización do auditorio de San Bieito ao pavillón da Sangriña, fará balance da exitosa pasada tempada 2025/2026, dedicando un espazo a todos os logros conseguidos tanto polo equipo de División de Honra como polas categorías da base. Pero máis que unha mirada ao pasado, este ano o Club busca lanzar unha proxección ao futuro, a unha nova etapa de ilusión a pesar das dificultades económicas. 

 Por todo iso, o centro do acto terá que ver con desvelar todas as novidades para a campaña que está a piques de comezar: presentaranse oficialmente os novos equipamentos, que xa sumaron algúns minutos na pretemporada, sairán ao público os seis novas fichaxes do persoal e para rematar dirán unhas palabras o novo adestrador, José Ignacio Prades, e as novas capitás, Cecilia Cacheda e Carme Castro. 

 Tamén será protagonista a base do Club, presentando como sempre a todos os seus novos equipos e adestradores. Asemade haberá tempo para algunhas sorpresas e recoñecementos, tras a saída de persoas importantes para a historia do Club. Todo iso coa representación dos principais patrocinadores e autoridades colaboradoras co Atlético Guardés, que tamén serán debidamente recoñecidos durante o acto.  

 A presentación do Atlético Guardés 2026/2027 enmárcase no medio da pretemporada do equipo de División de Honra, que esta mesma fin de semana volverá á carga co III Torneo Memorial Julio Gilsanz, do Porriño, que inicia o venres, 21 ás 18.00 horas ante o Rocasa Gran Canaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario