14 de ago. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés queda fóra da final do Summer Bag nos 7 metros (22-22; 3-1) 

O equipo baixomiñoto tivo os primeiro tropezóns da súa pretemporada este xoves en Villacelama, caendo na primeira semifinal do torneo Summer Bag ante o Aula Valladolid 

As de Prades comezaron mellor e foron de máis a menos, sufrindo xa antes do descanso. Aínda que á volta conseguiron remontar ata forzar os penaltis, os sete metros non se envorcaron ao seu favor 


Dúas xogadoras do Atlético Guardés tentando impedir un tiro á aporta dunha xogadora do Aula Valladolid
Foto:   Valentín González de Garibay.


Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés suma a primeira decepción da súa pretemporada. As de José Ignacio Prades pelexaron con todo o que tiñan onte xoves na primeira semifinal do Summer Bag de Villacelama, e aínda que deixaron grandes sensacións, terminaron por caer nos sete metros ante unha Aula Valladolid con menos acumulación de esforzo ás costas. 

 Aínda que o equipo baixomiñoto saíu con máis forza á pista e asestou con carácter os primeiros golpes, a intensidade pronto puido ser igualada por un visitante con menos minutos ás costas. A Aula Valladolid, recentemente descendido á División de Honra Oro, atopaba nesta semifinal o seu debut de pretemporada, mentres que se trataba xa do segundo encontro para un Atlético Guardés que tamén iniciou con maior antelación a súa preparación física. O historial comezou a notarse ao epílogo da primeira parte, cando as de Javier Rujas despexaron todo indicio de inferioridade que podían deixar entrever nos minutos iniciais para empatar a contenda por primeira vez (11-11, min. 25).  

 As valisoletanas, que afrontan este 2026/2027 cun persoal ben novo e renovada, superaron o shock inicial dunha contundente defensa guardesa cun ataque atentísimo e que viu no acerto no lanzamento a clave para marcar a diferenza. E aínda que as de Prades fóronse ao descanso liderando de novo (12-13, min. 30), ao regreso dos vestiarios recibiron un fatal 3-1 que as deixou desarmadas durante un intervalo cheo de imprecisións. 

 E é que aínda que as galegas seguían presumindo dunha defensa compacta e chegaban a levar numerosos balóns aos seis metros rivais, o problema seguía sendo a sucesión de lanzamentos errados, con varios intentos consecutivos que permitiron a Marisol Carratú incharse a paradas a principios deste segundo período.  

 Mentres tanto, na banda contraria Nerea Patiño (7 goles) seguía liderando unha remontada que xa facía moitos compases que se convertera en superioridade. O oco chegou aos 5 acertos (20-15, min. 45), aínda que unha interrupción do cronómetro permitiu ao técnico de Petrer dar ás súas indicacións que comezaron a funcionar. As guardesas remontaron cun 2-4 que se converteu nun 2-6 para forzar o empate, falta final frustrada incluída para a Aula, e deixar que o primeiro finalista do Summer Bag decidíseo a liña de sete metros (22-22, min. 60). 

 Con todo, os penaltis non se decantaron ao lado baixomiñoto, como si o fixeran xusto un ano atrás ante o Costa do Sol Málaga. Pola súa banda fallaron Cacheda, Cifuentes e Leiras, cun único gol de Serrano; mentres que o único fallo de Patiño e os tres acertos de Gutiérrez-Paris, Fidalgo e González de Garibay deron ao equipo local esa ansiada praza finalista (25-23, final). 

Caixa Rural Aula Valladolid (12+10): Nerea Patiño (7), Manuela Román, Mónica Gutiérrez-Paris (3), Inoa Lucio, Carmen Sanz (p.), Jimena Arriaga (2), Kadi Jallow (1), Carmen Fidalgo (2), Naila García Escudero (1), Sandra Monteagudo (2), Alejandra Alonso, Carolina Peñas, Amaia González de Garibay (6), María García (1), Marisol Carratú (p.) e Carolina García Jiménez. 

Club Balonmán Atlético Guardés (13+9): Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Silvia Leiras (2), Blazka Hauptman (2), Aintzane García (2), Cecilia Cacheda (2), María Palomo (1), Rosane Serrano (3), Elena Martínez (1), Cristina Cifuentes (3), Carme Castro (2), Daniela García (3), Nerea Gil, Sabela Lomba, Silvia Lomba, Noelia Solla (2) e Melina Rodríguez (p.). 

Marcador cada cinco minutos: 2-3, 4-7, 7-9, 9-10, 11-11, 12-13, 15-14, 18-15, 20-15, 21-17, 22-19, 22-22. 

Árbitros: Mario Puertas e Enrique Quiñones. Amoestaron con tarxeta amarela á visitante Noelia Solla e excluíron con dous minutos aos locais Nerea Patiño, Jimena Arriaga, Kadi Jallow, María García e Luis Mesón (oficial) e ás visitantes María Palomo (2), Sabela Lomba e Noelia Solla. 

Incidencias: Encontro de semifinal do VIII Torneo Summer Bag, celebrado no polideportivo municipal de Villacelama (León) ante 100 espectadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario