14 de ago. de 2026

CULTURA

A fantasía invade a cuarta xornada do Viñetas da man das autoras galegas de banda deseñada 

Jacobo F.S, protagonista da mostra “De Archimboldo a Marcopola” debullou as chaves da súa carreira na carpa da Rúa BD 


As autoras que participaron na exposición Elas son fantásticas, Paula Cheshire, Inés Vázquez, Lucía Cid, María Brenn, Eli García e Bea Gregores, protagonizaron a xornada do xoves no festival Viñetas desde o Atlántico

Sonia Hermida/A Coruña

 As autoras que participaron na exposición Elas son fantásticas, Paula Cheshire, Inés Vázquez, Lucía Cid, María Brenn, Eli García e Bea Gregores, protagonizaron a xornada do xoves no festival Viñetas desde o Atlántico. Así, ofreceron unha visita guiada á mostra que ocupa a segunda planta da sala municipal Salvador de Madariaga e participaron nunha maratón de debuxo no stand das Bibliotecas Municipais. Ademais, ofreceron diversas sesións de sinaturas no Viñetas Estudio da rúa BD. 

 Cada autora debullou na visita as claves das súas diferentes creacións, todas elas dentro do xénero fantástico e en moitos casos moi vencelladas ao público infantil e xuvenil. Aldara, a lenda da cerva branca, Severina a raíña dos trasnos, Ula e Vinca, Maia e a troita perlada, O grande diario, Avelaíña e o camiño á illa e Miquits son as obras nas que se centra a mostra. Tamén se pode ver na exposición parte do proceso creativo e o resultado final do cartel que a autora Inés Vázquez realizou para a feira Mostrart, nunha colaboración entre Viñetas e a Asociación Galega de Artesáns. 

 As autoras chamaron a atención sobre o papel que a natureza xoga en todas estas obras, ao tempo que analizaron nalgúns casos o seu proceso creativo e relataron algúns detalles sobre a súa carreira profesional. Unha a unha foron pasando polo stand Viñetas Estudio, na Rúa BD, para asinar a súa obra e debuxaron ao longo de toda a xornada diferentes escenas dentro da maratón de debuxos. 

Jacobo Fernández e a banda deseñada galega 

 Pola súa banda, Jacobo Fernández fixo na súa charla na carpa da rúa BD un percorrido histórico polo seu traballo como ilustrador na charla "Marcopola e amigos", dentro do programa Viñetas Expo. O debuxante galego lembrou os seus comezos con "Os amigos de Archimboldo", onde xa aparece por primeira vez a figura de Marcopola. Posteriormente, realizou a obra "Aventuras de Cacauequi" coa que gañou o prestixioso Premio Castelao de Banda Deseñada e tamén fixo unha incursión na banda deseñada biográfica coa obra "Lois Pereiro, breve encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta".

 Antes de dar o salto o seu grande éxito editorial, tamén probou co fanzine con "Estudos de Violencia Segar". Pero, sen dúbida, se algunha obra define a este ilustrador vigués é "Marcopola, a illa remeira" e todo o universo que comparte con personaxes como Dragoneta ou a avoa pintora. Na súa intervención, Jacobo destacou a conexión da súa obra coa pintura e a literatura galega e o mundo onírico de autores como Álvaro Cunqueiro. 

Viñetas en datos 

 Máis de 70 autores e autoras estarán na Coruña ata o 16 de agosto para participar en 24 exposicións (que se prolongan ata finais de setembro) e unha ampla programación entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía -dende pequenos ata adultose para público especializado. 

 Viñetas desde o Atlántico mantén en 2026 as súas principais seccións que acompañan aos visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a podcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores/as; un encontro e dúas expos para Viñetas inclusivas e a extensa programación de Rúa BD que conta con 38 casetas entre as que figuran as de 18 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando este espazo vital do festival. Pero ademais, en 2026 incorpórase a nova sección que pon en valor o traballo da Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio. 

Amplísima oferta expositiva 

 A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa expo que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na expo Eclipse de viñetas, na que dez autoras e autores locais Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan dende a súa mirada a historia científica e artística das eclipses. 

 Dende xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala Palexco é a sede das mostras de Jacobo Fernández e da colección de Raúl García. Na primeira delas percorreremos o universo persoal do creador da illa remeira máis coñecida da banda deseñada en España. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney. 

Memoria social e banda deseñada 

 Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso énchese cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os/as visitantes poden desfrutar na planta baixa da mostra centrada na loita sindical e feminista europea coas obras La virgen roja e Sally Heatchcoat sufragista, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot e Jiujitsufragistas, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra Memoria democrática e social na España do século XX coas obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro, e Caridad del Río, de Pep Brocal. 

 O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo -autor do cartel desta edición- en María Pita; Humanos, a Roya é un río, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais, Trazos de memoria, e a incorporación da Fundación Luis Seoane como nova sede do festival coa expo Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. 

 Ademais diso, o Viñetas paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, cunha expo de colectivos de banda deseñada portugueses, o Bar 13, con Óscar Lojo, a Pulpeira de Melide, con unha expo Pulpos de cómic, a cervezoteca Malte con Amair, e Tranvía, con unha exposición de Fento Studio. 

Máis de 100 actividades para todos os públicos 

 Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de podcasts, espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo. 

 Moitas destas propostas son parte central da programación da Rúa BD, con 38 stands que ocupan librarías, editoriais e entidades diversas entre as que se conta o papel central das Bibliotecas Municipais. Este espazo, ubicado diante do Quiosco Alfonso, será sen dúbida, o epicentro da actividade do festival nesta semana. 

 Entre esta apertada axenda destacan, a revisión de proxectos coa colaboración de editoriais, con convocatoria xa aberta a través dun formulario para calquera debuxante interesado/a, e os podcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e El Nicho.

Ningún comentario:

Publicar un comentario