BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés 2026/2027 debuta este sábado ante o Porriño
• O renovado equipo baixomiñoto recibirá este sábado, 8 de agosto ás 20.00 horas ao seu compatriota para iniciar a súa pretemporada
• O debut do persoal de José Ignacio Prades coincide coa homenaxe a Juan Rodríguez, expresidente do Club, no segundo aniversario do seu falecemento
• A entrada é gratuíta, aínda que se pide a colaboración a través da compra de rifas
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés 2026/2027 ponse en marcha. As de José Ignacio Prades recibirán este sábado ao Conservas Orbe Zendal Balonmano Porriño, ás 20.00 horas na Sangriña, para disputar o II Memorial Juan Rodríguez, que supón a estrea da pretemporada baixomiñota.
O segundo aniversario do falecemento de Juan Rodríguez, expresidente de honra do Club e membro fundamental da súa historia recente, foi a cita elixida para que o novo Atlético Guardés bote a andar. O tamén novo adestrador ao mando, José Ignacio Prades, poderá elixir entre un total de 19 xogadoras para a súa primeira recollida de sensacións, entre o persoal do primeiro equipo case ao completo e os reforzos das xuvenís Sabela Lomba, Melina Rodríguez e Silvia Lomba. A única ausencia é a de Ania Ramos, que regresará o domingo dos Xogos Centro Americanos e do Caribe nos que conseguiu unha medalla de prata coa República Dominicana.
Así, este encontro entre os dous últimos campión e subcampión da EHF European Cup supón o mellor xeito de calibrar as primeiras impresións de dous persoais renovados, á vez que ofrecerá un espectáculo do mellor balonmán galego ao público guardés coincidindo coa súa semana grande de festas. O Porriño, que puido finalmente reter a Isma Martínez a cargo do seu banco despois de anunciar nun primeiro momento a súa saída, iguala os movementos no persoal baixomiñota sufridos desde a última tempada con cambios moi significativo: ás baixas de Paulina Buforn e Aitana Santomé a metade do curso pasado uníronse as desvinculacións de Katia Zhukova, Ana Belén Palomino e Carolina Bono, que foron compensadas con cinco fichaxes procedentes de distintas orixes, pero enfocados en reforzar a primeira liña louriñesa.
En definitiva, tratarase dunha primeira toma de contacto entre dous vellos coñecidos pero con caras novas, a ocasión perfecta para honrar a memoria dun dos grandes nomes da historia do anfitrión. Este mes de agosto de 2026 cúmprense dous anos do falecemento de Juan Rodríguez Pérez, expresidente de honra do Atlético Guardés e traballador do Club e para o Club durante toda a súa vida, cuxo legado segue sendo o motor do proxecto. Nun momento de importantes dificultades organizativas, é este recordatorio e a filosofía do homenaxeado o que levan ao persoal e corpo técnico a centrarse no balonmán mentres o resto da entidade traballa para solucionar o necesario fóra das pistas.
As entradas para este primeiro amigable serán gratuítas, aínda que a entidade baixomiñota solicita a achega voluntaria á súa economía mediante a compra de rifas na entrada do pavillón.
A pretemporada continúa a próxima semana para o equipo da Sangriña coa visita ao Summer Bag de Villacelama, que o cruzará na súa primeira xornada coa Aula Valladolid o xoves, 13 de agosto ás 18.00 horas.
AXENDA
II Memorial Juan Rodríguez | Amistoso de pretemporada
Balonmán Atlético Guardés – Conservas Orbe Zendal BM Porriño
Sábado, 8 de agosto | 20.00 horas | Pavillón Municipal da Sangriña

Ningún comentario:
Publicar un comentario