14 de ago. de 2026

TUI

O Concello de Tui traslada a súas condolencias polo pasamento de Víctor Coyote 


O pasado 31 de maio Víctor Coyote ofreceu na cidade o concerto “Cantares dun Fuxido” xunto a Pancho Álvarez e Pablo Novoa, cos temas do que ía ser o seu novo traballo discográfico

Foto: CT


Infogauda/Tui

 O Concello de Tui traslada as súas condolencias á familia, amizades e ao mundo da cultura polo pasamento do tudense Víctor Aparicio Abundancia, Víctor Coyote.  

 Artista polifácetico, no mundo da música, no deseño gráfico, no audiovisual,… sempre mantivo a vinculación coa súa cidade natal, amosando sempre a súa disposición a colaborar en calquera proxecto local.  

 O pasado 31 de maio ofreceu na cidade o concerto “Cantares dun Fuxido” xunto a Pancho Álvarez e Pablo Novoa, cos temas do que ía ser o seu novo traballo discográfico.  En 2024 foi o autor do cartel anunciador das festas de San Telmo. Estes festexos, dos que foi pregoeiro en 1996, formaron parte das viñetas que editou durante o confinamento. Foron numerosas as ocasións nas que na súa cidade, puidemos gozar da súa arte, con concertos, exposicións, audiovisuais,…,  ao longo das últimas décadas.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, sinala que “despedimos a Víctor con enorme pesar”. Engadindo que “foi un referente cultural ao longo dos anos, para varias xeracións, mantendo sempre as súas raíces e dotando a todos os seus proxectos dunha mirada universal”.  Salienta Sonsoles Vicente a disposición que sempre tivo a colaborar en cantas iniciativas se lle plantexaron dende o Concello.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifesta que “con enorme tristeza recibimos a noticia do falecemento de Víctor Coyote, un dos grandes artistas de Tui. A súa figura transcendeu fronteiras, pero nunca esqueceu as súas raíces, e sempre foi un orgullo para o noso concello poder contar con el”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario