O CONCELLO DA GUARDA ABRE A INSCRICIÓN PARA AS PRAZAS DISPOÑIBLES DAS ANDAINAS
• A programación retomarase o 12 de setembro cun percorrido polo sendeiro do río Uma, en Ponteareas, e rematará o 17 de outubro cunha ruta polo río Gorgua, en Padrenda
• O luns 24 de agosto abrirase o prazo de inscrición para completar as prazas que aínda están dispoñibles para estas dúas andainas de outono
Durante a primavera tiveron lugar as dúas primeiras andainas organizadas pola Concellería de Eventos Deportivos do Concello da Guarda, unha actividade que combina a práctica deportiva co descubrimento doutros lugares de Galicia, achegando ás persoas participantes a paisaxes singulares e elementos patrimoniais destacados.
Despois do descanso do verán, a programación retómase o 12 de setembro cunha saída ao interior de Ponteareas para percorrer o Sendeiro do río Uma. Trátase dun itinerario no que destacan os bosques de ribeira, os antigos muíños de auga e a Ponte do Cabalón, de orixe medieval.
As Andainas 2026 pecharanse o 17 de outubro cunha ruta polo río Gorgua, no concello de Padrenda, que permitirá ás persoas participantes descubrir a paisaxe do outono no sur da provincia de Ourense.
A actividade conta con autocar para o traslado das persoas participantes e con guías interpretativos da natureza, que acompañarán ao grupo ao longo dos percorridos. As distancias destas dúas rutas sitúanse entre os 10 e os 15 quilómetros, polo que as persoas interesadas deberán atoparse en condicións físicas adecuadas para realizar andainas desta distancia e cunha certa dificultade debido aos desniveis do percorrido.
O luns 24 de agosto abrirase o prazo de inscrición para completar as prazas que aínda están dispoñibles para estas dúas andainas de outono e o prezo público das mesmas é de 20 euros por persoa.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición na Casa dos Alonso (terceira planta) no departamento de Turismo, a través do correo electrónico turismo@aguarda.es ou no teléfono 986 61 45 46, aínda que se priorizará a inscrición presencial.

Ningún comentario:
Publicar un comentario