Concentración da CIG diante de Mercadona
• Este xoves, 9 de xullo, ás 11.30 horas, diante do Mercadona da Avenida da Florida, 108, en Vigo
Infogauda/Vigo
A sección sindical da CIG en Mercadona da provincia de Pontevedra desenvolverá este xoves, 9 de xullo, ás 11:30 horas, diante do Mercadona da avenida da Florida, 108, en Vigo, unha concentración en Vigo no marco da campaña posta en marcha a nivel galego para reclamar información e garantías laborais ante a implantación do novo modelo ‘Tenda 9’. O sindicato, maioritario nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, denuncia a falta de comunicación da empresa a respecto dun proceso que considera determinante para o futuro do emprego na cadea.
A CIG-Servizos leva dende o pasado mes de abril solicitando unha reunión coa dirección da compañía de alimentación para coñecer os detalles da implantación deste novo modelo comercial. Ante a ausencia de resposta por parte da compañía, a central sindical decidiu deseñar unha campaña de mobilizacións que tivo a súa primeira acción o pasado martes 30 de xuño diante do Mercadona da Gándara, en Narón, establecemento do novo modelo ‘T9’.
O sindicato considera que este novo modelo suporá unha redución dos postos de traballo e un deterioro das condicións laborais. E advirte de que tras a imaxe pública de emprego estábel e salarios competitivos que proxecta a compañía existen situacións que cualifica de abusos de poder, prácticas antisindicais, penalizacións económicas e ritmos de traballo excesivamente exixentes. “Ademais da actitude represiva da compañía contra todo o que representa CIG, tal e como evidencian varias sentenzas ao noso favor por vulneración de dereitos fundamentais”, sinalan dende a central sindical.

Ningún comentario:
Publicar un comentario