8 de xul. de 2026

GALIZA

A CIG clama contra a actual deriva represiva coa que se pretende controlar a disidencia e silenciar a clase obreira 

•  Desenvolveu mobilizacións na Delegación e nas Subdelegacións do Goberno nas catro provincias para esixir a derrogación da Lei Mordaza 


Concentración da CIG diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Foto: CIG

Infogauda/Galiza 

 A CIG levou a cabo hoxe concentracións simultáneas diante da Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións en Lugo, Ourense e Pontevedra para rexeitar a actual deriva represiva coa que se pretende controlar a disidencia e silenciar a clase obreira, así como para reclamar a inmediata derrogación da Lei Mordaza -a cuxo abeiro se están a tramitar numerosos expedientes sancionadores- e denunciar os excesos na actuación da autoridade gobernativa, da Policía española e da Garda Civil. 

 Unha deriva represiva que ten un dos seus principais instrumentos na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, aprobada polo Partido Popular hai xa 11 anos e que, malia os compromisos adquiridos, segue sen ser derrogada polo actual Executivo de PSOE-Sumar. 

 A CIG considera abusiva a presenza e participación dos dispositivos policiais en todo tipo de manifestacións, concentracións e accións reivindicativas, nomeadamente nas de carácter laboral e social. E rexeita as identificacións arbitrarias, as sancións administrativas e os procedementos xudiciais cos que se que persegue desmobilizar e ocultar tanto a resposta social fronte ás situacións de inxustiza como a defensa dos dereitos laborais e sociais. 

 Ao mesmo tempo, cualifica de “absolutamente inaceptábel” que o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación sexa obxecto de persecución e censura a absoluta incapacidade e a falta de vontade política do Goberno español para cumprir coa súa promesa de derrogar esta norma. En consecuencia, lonxe de avanzar na recuperación de dereitos democráticos, mantense en vigor un marco legal que permite sancionar a protesta, limitar a acción sindical e reprimir a mobilización social. 

Aplicada con dureza 11 anos despois 

 Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na mobilización da Coruña, lamentou que 11 anos despois da súa entrada en vigor a Lei Mordaza continúe a ser “aplicada con dureza” mediante detencións “inxustificadas” de representantes sindicais; ameazas e advertencias para evitar as mobilizacións e mesmo a colocación de carteis no marco de conflitos laborais; cargas policiais e a persecución a piquetes informativos; e incluso sancións por uso de megáfonos en manifestacións. “Mais tamén no contexto de accións solidarias, como aconteceu durante a Volta ciclista, tras a que numerosas persoas recibiron importantes multas económicas por desobediencia á autoridade e delitos de odio”.  

 Finalmente, sinalou que a central sindical ten solicitado xuntanzas coa Delegación e as Subdelegacións para instalas a cesar a aplicación destas condutas represivas que hoxe foron rexeitadas polas centos de persoas traballadoras que participaron nas mobilizacións ao berro de “Defender os dereitos non é delito”, “Quérennos calar co Código Penal”, “Derrogación da Lei Mordaza” e “Contra a represión mobilización”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario