Chega unha nova edición de Parte de ti, campaña de apoio baseada nas historias das persoas que transforman o rural
• No acto de presentación da campaña de Galicia Suroeste estiveron presentes as persoas protagonistas desta edición e representantes dos concellos que forman parte do territorio
Infogauda/Comarcas
Parte de ti celebra o seu sétimo ano e continúa dando a coñecer as grandes historias que hai detrás do rural. Trátase dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar, baseándose nas historias das persoas que están detrás dos produtos e servizos que temos a disposición na nosa contorna.
A presentación da nova edición desta campaña comezou cunha peza audiovisual resumo dos 7 anos que Galicia Suroeste leva promocionando ás persoas que deciden emprender e quedarse no rural, ofrecendo o mellor delas e a súa profesionalidade, tanto á poboación local como a todas aquelas persoas que visitan o territorio.
A presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño destacou a grande importancia da rede creada nestes 7 anos, que aglutina a case 70 empresas e persoas emprendedoras que xa forman Parte de Ti. “O importante da campaña é que contamos verdade, realidades, historias de vida…e o máis gratificante para Galicia Suroeste é conseguir esta comunidade que se recoñece, colabora e se sinte parte dunha nova filosofía de vida que está a xurdir no rural, onde o noso territorio e a nosa calidade de vida son fundamentais para que o noso país siga avanzando de forma sostible”, salientou a presidenta do grupo de desenvolvemento rural.
A continuación proxectouse a historia de Ricardo García de Aica Cerámica de Mos, quen na súa intervención non puido conter a emoción por ter sido escollido como protagonista e lembrou todo o traballo familiar para levar adiante este proxecto que iniciou o seu avó cando regresou da emigración dende Cuba.
Nas vindeiras semanas Galicia Suroeste irá lanzando tanto na súa web como nas redes sociais as 8 historias que este ano formarán parte da campaña Parte de ti 2026.

Ningún comentario:
Publicar un comentario