Luis López anuncia que 15 colectivos recibirán preto de 90.000 € para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia
• Asociacións de Bueu, Cangas do Morrazo, Cambados, A Illa de Arousa, Moaña, Nigrán, Sanxenxo, O Grove e Vigo empregarán os recursos en proxectos de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións e na adquisición de equipamento
Infogauda/Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres que 15 colectivos da provincia recibirán un total de 90.000 euros das axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e a posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia. Con elas, poderán emprender actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións e a compra de equipamento. “Con estas axudas queremos recuperar e poñer en valor os bens que integran o patrimonio marítimo-fluvial na provincia de Pontevedra” xa que “temos un patrimonio único no mundo, que nos identifica e fala de nós como pobo: é de recibo conservalo para devolverllo á xente nas mellores condicións”, confirmou López.
Desta maneira, Amigos das Embarcacións Tradicionais, de Bueu, recibirá 3.630 € para o equipamento dunha vela para a dorna Mareira I; a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais A Torre, de Cambados, 1.863 € para os traballos de mellora da dorna xeiteira Rabandeira; a Asociación Cultural e Deportiva Vela Tradicional de Cambados 6.934 € para a terceira fase dos traballos pendentes de rehabilitación da dorna Airexa; a C. Mariño Salnés, de Cambados, 6.364 € para os traballos de mellora na dorna Muller de Balboas; Mar da Pedra de Amigos das Gamelas, de Cangas de Morrazo, 4.999 € para a restauración da gamela coruxeira Rula, e a Asociación de Amigos da Dorna Meca, do Grove, 6.839 € para a colocación dun motor intraborda na Meca.
No caso da Illa de Arousa recibirán axudas catro asociacións: a A.D. Cultural Dorna contará con 5.984 € para a conservación do galeón Rei do Mar; a Asociación Cultural, Deportiva e Promotora de Actividades Xuvenís Fasquia con 7.409 € para a primeira fase da restauración do racú Paula; a Asociación Cultural Caramuxo con 6.079 € para a segunda fase da restauración do galeón Daniel, e a Asociación Cultural DS Illa de Arousa con 4.844 € para a substitución do motor da embarcación San Pedro. Ademais, a Sociedade Deportiva Sambartolameu, de Moaña, recibirá 7.884 € para a rehabilitación do edificio do foso de adestramento de remo de banco fixo; Idilicamente, de Nigrán, 6.839 € para a restauración da goleta Evangelina Uno; Amigos da Dorna de Portonovo, de Sanxenxo, 6.554 € para o proxecto de arranxo e mellora da dorna nai Surfeira; a Asociación de Marineros Artesanales y Deportivos San Miguel de Bouzas, de Vigo, 6.269 € para a adquisición de motor para a embarcación buceta A Fanequeira, e a Fundación Translatio, tamén de Vigo, 7.504 € para a restauración do buque museo de vapor Hidria Segundo.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario