2 de xul. de 2026

O ROSAL

A XXXIV Feira do Viño do Rosal será a edición máis familiar e única na experiencia arredor do coñecemento do viño 

  A gran novidade desta edición será o Túnel do Viño, unha experiencia inmersiva que permitirá descubrir a riqueza dos viños do Rosal da man dun sumiller e nun espazo tan singular como o Museo do Cabaqueiro 

  O espectáculo itinerante Girafes, da compañía Xirriquiteula Teatre, lidera unha programación familiar con actividades para desfrutar en todas as idades 

  A feira consolídase como un plan para toda a familia cunha forte programación cultural e de lecer, mantendo o compromiso coa sostibilidade e consolidando o servizo especial de autobuses para favorecer unha mobilidade máis segura


A presentación oficial da feira reuniu ao Concello do Rosal, á Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal e ás once adegas participantes nesta edición
Foto:COR

Infogauda/O Rosal

 O Rosal xa quenta motores para celebrar unha das citas máis representativas do verán no Baixo Miño. Do 17 ao 19 de xullo, a praza do Calvario acollerá a XXXIV Feira do Viño do Rosal, unha edición que reforza a súa identidade como escaparate dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas e que continúa medrando cunha programación pensada para achegar o territorio á veciñanza e visitantes.

 A presentación oficial da feira reuniu ao Concello do Rosal, á Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal e ás once adegas participantes nesta edición, que compartirán protagonismo nun evento consolidado como unha das principais celebracións vitivinícolas de Galicia.

 A principal novidade deste ano será o Túnel do Viño, unha experiencia inmersiva que permitirá descubrir a riqueza e personalidade dos viños do Rosal da man dun sumiller. Esta actividade substitúe a tradicional cata profesional do venres e amplía a experiencia ao longo das tres xornadas da feira, ofrecendo ao público unha proposta máis accesible e participativa.

 O Museo do Cabaqueiro será o escenario desta nova iniciativa, permitindo que a degustación dos viños se combine coa descuberta dun dos oficios tradicionais que mellor representan a identidade do municipio. Unha maneira de unir patrimonio, cultura e produto local nun mesmo espazo.

 A aposta por achegar o coñecemento do viño ao público completarase coa participación do pregoeiro desta edición, Antonio Candelas, bioquímico e enólogo de formación, xornalista e divulgador especializado na cultura vitivinícola. Cunha traxectoria de máis de dúas décadas ligada ao sector e tras dirixir durante dez anos a revista MiVino, na actualidade asesora a adegas, denominacións de orixe e institucións en estratexia, comunicación e divulgación da cultura do viño.

 A programación familiar continúa reforzándose nesta edición, consolidando a Feira do Viño do Rosal como unha cita pensada para desfrutar en todas as idades. Un dos grandes atractivos deste ano será Girafes, o espectacular pasarrúas da compañía catalá Xirriquiteula Teatre, unha das formacións de teatro de rúa con maior proxección internacional. Tras máis de dúas décadas percorrendo festivais de todo o mundo, as súas elegantes xirafas percorrerán as rúas do Calvario sorprendendo ao público cun espectáculo visual e participativo no que interactuarán coas persoas asistentes, co mobiliario urbano e coa propia contorna, convertendo a feira nun gran escenario ao aire libre.

 A programación familiar complétase cos espectáculos Clownamorado, de Rudi Dudi, e O conto de Barrigaverde, de Fran Rei. Os máis pequenos volverán contar tamén co tradicional obradoiro de cociña impartido por Isaac Míguez, ao que este ano se suma unha nova actividade centrada na reciclaxe e na sostibilidade, desenvolvida por Biophilia Axencia Ambiental, que convidará a dar unha segunda vida a materiais relacionados co mundo do viño.

 A música volverá ocupar un lugar destacado na programación cun cartel que aposta pola variedade de estilos e polo talento da contorna. As noites da feira estarán protagonizadas por The Tetas' Van, unha banda festeira integrada por mulleres que levará ao Rosal a súa proposta de pop-rock con versións de letras reivindicativas, e por El Cuarto de Tula, que ofrecerá un potentísimo espectáculo para celebrar a rica herdanza musical cubana en Galicia. O peche musical correrá a cargo de The Pretty Shirts, cun directo cargado de rock and roll e garage rock. As sesións vermú tamén terán un marcado protagonismo, coa música de Groovin Folks, que revisita clásicos do funk, soul, disco e rock desde os anos 60 e 70 ata a actualidade, e do dúo Awen, cun repertorio que transita polo rock, soul e blues das últimas décadas. A programación musical completarase co pasarrúas do Grupo de Gaitas Airiños do Folón, que achegará a música tradicional galega ás rúas do Calvario.

 O patrimonio rosaleiro tamén estará presente durante toda a fin de semana. Ademais do propio Museo do Cabaqueiro, o domingo celebrarase a visita interpretativa Os segredos de Mariña, un percorrido guiado polo Calvario e a súa contorna que permitirá descubrir o patrimonio local desde unha perspectiva diferente e intimamente ligada ao territorio.

 A oferta gastronómica volverá ser outro dos grandes atractivos da feira, cunha ampla presenza de establecementos, gastronetas e postos que ofrecerán desde receitas tradicionais ata propostas máis innovadoras para acompañar os viños das adegas participantes.

 Como cada ano, a programación completarase con diferentes propostas culturais, entre elas a XXXI Mostra Filatélica do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal e a presentación do seu selo conmemorativo; tamén a exposición Hábitats e horizontes: unha viaxe abstracta, da artista Esther Moe, ambas na Sala de Exposicións do Concello e a mostra fotográfica Manxares, de Xulio Gil, integrada no proxecto Nortear 2026, en Terra Gastrobar. Ademais, a feira servirá de escenario para a entrega dos premios do II Concurso de Relato Curto do Concello do Rosal, reforzando a súa vocación como espazo de promoción da cultura local.

A Feira do Viño do Rosal mantén tamén o seu compromiso coa sostibilidade e coa seguridade. Tras obter o pasado ano a certificación como festa sostible, nesta edición continúan implantándose medidas como o uso de vasos reutilizables para as bebidas distintas do viño, a recollida selectiva de residuos, accións de sensibilización ambiental e a instalación de puntos de auga potable de libre acceso, fomentando así hábitos de consumo máis responsables e contribuíndo á redución de residuos.

 Ademais, repetirase o reforzo do servizo de autobuses, facilitando os desprazamentos entre o Rosal e diferentes puntos da comarca para favorecer unha mobilidade máis segura e sostible.

 Durante tres días, o Rosal volverá converterse no mellor escaparate para descubrir a excelencia dos seus viños, a riqueza do seu patrimonio, a súa gastronomía e o dinamismo dun municipio que fai da Feira do Viño unha celebración aberta, participativa e profundamente vencellada ao territorio.

 A XXXIV Feira do Viño do Rosal está organizada polo Concello do Rosal e a Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, e conta co apoio dos fondos europeos a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e de Abanca. A colaboración destas entidades fai posible o desenvolvemento dunha cita que promove o viño do Rosal, o seu territorio, a súa cultura e o seu patrimonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario